- As persoas altamente sensibles contarán cun programa deseñado e dirixido pola emprendedora Concha Tejada, en colaboración co Concello.
- O salón de actos da Alianza Aresana acollerá charlas, obradoiros, mostras creativas e outras experiencias orientadas a redescubrir o valor da sensibilidade.
Un espazo seguro onde as persoas altamente sensibles (PAS) poidan aprender a priorizarse, coidarse e nutrirse a todos os niveis: esa é a proposta de Concha Tejada no marco das II Xornadas de Autocoidado para profesionais PAS que materializará na vila de Ares do 16 ao 18 de outubro, en colaboración coas Concellarías de Cultura e de Igualdade e Benestar.
Ares converterase así nun lugar de diálogo e aprendizaxe para aquelas persoas que desexen medrar profesionalmente a partir da súa alta sensibilidade. Hábitos e mentalidade, estilo de vida que respecte as súas particularidades, contidos vencellados coa espiritualidade ou fórmulas de emprendemento serán algunhas das temáticas que se debullarán durante as xornadas dirixidas pola emprendedora Concha Tejada, cun forte vínculo co municipio aresán dende a infancia.
Entre as principais actividades que se promoverán nesta iniciativa –que aínda presenta as últimas prazas libres dispoñibles para participar–, haberá 5 charlas inspiradoras con profesionais PAS, 1 obradoiro de xestión sensible, 1 mesa de mostras creativas con libros, artes e produtos para persoas altamente sensibles, ademais de microsesións 1 a 1 para debullar inquedanzas, dúbidas e compartir experiencias.
A Alianza Aresana centralizará todo este programa que busca, sobre todo, lembrar a relevancia de coidarse a un mesmo nun mundo dominado pola hiperprodutividade e a présa por enriba da sensibilidade. Unha viaxe de tres días para aplicar o autocoidado en todas as dimensións.
Aínda que o conxunto das II Xornadas precisan de reserva previa vía telemática na web https://conchatejadaproject.com/, haberá algunhas experiencias de entrada libre, como é o caso da presentación literaria do xoves, 16 de outubro ás 18:00 horas do libro Violeta salvaje, da comunicadora e facilitadora creativa Iris Clavé; un relato sobre o linaxe femenino, os diálogos coas mulleres do pasado e o seu legado indómito a través dos diarios persoais.
O programa ao completo, debullado por días e temáticas de xeito máis amplo, pode consultarse na seguinte ligazón: https://plananual23.my.canva.site/jornadas-pas-en-ares