Co foco posto no patrimonio cultural, natural e a biodiversidade, expertos e investigadores achegaranse até o Mosteiro de Santa Catalina durante o 22 e 23 de xullo para afondar nos retos futuros e as oportunidades económicas ou mesmo divulgar experiencias de conservación, promoción e estudo do patrimnio inmaterial galego.
O curso, de 16 horas, conta cun prezo de 70 euros, habilitándose 50 prazas que se poden reservar até o 12 de xullo na páxina web da USC.
O Mosteiro de Santa Catalina converterase en espazo de reflexión, análise e diálogo do patrimonio inmaterial galego, no marco do curso de verán que promove a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Ares, Patrimonio inmaterial e vivo: cultura, natureza e biodiversidade, durante as xornadas do 22 e 23 de xullo. Expertos nacionais e internacionais chegarán á localidade aresá para afondar no marco normativo do patrimonio inmaterial en Galicia, así como nas súas oportunidades e retos, as necesidades para a súa promoción e o incentivo das conexión entre o patrimonio cultural e natural.
O curso, no que colabora o Concello de Ares de forma activa, consta de 16 horas distribuídas durante esa fin de semana de xullo cun prezo de 70 euros, incorporando unha taxa reducida de 40 euros para estudantes universitarios, de bacharelato ou formación profesional; pensionistas; desempregados; socios da Asociación de Antigos Alumnos da USC e equipo investigador da mesma universidade. Habilitáronse 50 prazas e un prazo de matrícula aberto até o 12 de xullo no sitio web https://www.usc.gal/es/servicios/area/cultura/extension/universidad-verano/patrimonio-inmaterial-vivo-cultura-naturaleza-biodiversidad-13717, onde tamén se pode ampliar información co programa.
Estruturado dende un enfoque transversal, organizaranse mesas redondas sobre a normativa galega no relacionado coa biodiversidade e a paisaxe; achegarase unha panorámica da experiencia italiana en xestión do patrimonio inmaterial; falarase da conservación de especies ameazadas e mesmo da importancia do Museo do Pobo Galego como epicentro da análise cultural e etnográfica de Galicia.