O Concello de Ares ven de adherirse á campaña internacional “Quere o teu mercado” promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos concellos, coa que se pretende apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

No caso da praza de abastos local, as actividades deseñadas desde o Concello no marco desta campaña desenvolveranse mañá, xoves 26, e durante o sábado 28 de maio, Día do Mercado. En concreto, para o día de mañá prográmanse, en colaboración co CPI As Mirandas e os responsables dos postos, varias visitas de escolares ós praceiros e praceiras para coñecer o seu traballo: que fan, como, que implica a compra de proximidade…

Os nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria visitarán as instalacións do mercado municipal para coñecer polo miúdo o seu funcionamento e as ventaxas de mercar no pobo, a través de entrevistas aos seus traballadores e de diversas actividades coas que aprenderán a manexarse nos distintos postos, como a procura de produtos para a elaboración dunha receita, a identificación de produtos saúdables, practicar o manexo de cartos…Ademais, haberá unha colocación de debuxos realizados por eles mesmos cos que se creará o mural de “Quere o teu mercado”, que estarán dispoñibles durante as seguintes semanas no seu interior para poder ser visitados.

O sábado 28, aproximadamente ás 11:30 horas, o mercado acollerá unha actuación da banda de gaitas de Ares para dinamizar o consumo durante a xornada.

Con esta iniciativa o Concello de Ares pretende animar aos veciños e veciñas a facer as súas compras no mercado municipal, onde atoparán produtos frescos, de calidade e da nosa contorna, favorecendo así a produción de proximidade e a economía local.