Ares volve a estar presente na última edición de Equiocio

Comparte esta nota de prensa

Dende  o 31 de xullo e até o domingo, 3 de agosto, o municipio aresán contará co seu propio stand en Equiocio 2025, unha cita deportiva ineludible para a comarca arredor da hípica, ademais de ser un evento fundamental para divulgar o patrimonio paisaxístico e os atractivos das localidades de Ferrolterra.

De feito, na tarde de onte acudiu ata o Campo das Cabazas a concelleira de Turismo, Lucía Blanco, á inauguración institucional do certame de hípica, xunto con representantes doutros concellos participantes, da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, da organización de Equiocio e os restantes axentes colaboradores.

Durante os próximos días, Ares terá o seu espazo a través do posto da Concellaría de Turismo, atendido polas técnicas que se desprazaron até alí para afondar nas bondades da vila. O pasado indiano, a natureza, as rutas de sendeirismo, as travesías a bordo do M. Presas ou a cultura mariñeira aresá serán algún dos elementos sobre os que falarán a toda aquela persoa interesada no municipio.

Será unha forma de contribuír ao posicionamento de Ares na comarca, conectándose con axentes dos sectores culturais, turísticos e deportivos, e establecer novas sinerxias con outros concellos da zona.

 

Pódeche interesar