Arrancan as obras para a renovación integral do pavillón polideportivo de Ares

Comparte esta nota de prensa

Dende mediados de agosto até decembro, intervirase sobre os cerramentos (fachada e cuberta), a carpintería na súa totalidade, a iluminación interior e mesmo o sistema de auga quente sanitaria no marco deste ambicioso proxecto de mellora da eficiencia enerxética.

Supón un forte investimento para a localidade cun orzamento de máis de medio millón de euros, o 85 % asumido polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) e o 15 % restante con cargo ás arcas municipais.

Unha das principais obras que se acometerán en Ares durante este outono vén de arrancar nestas últimas semanas. Trátase da mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo municipal, un ambicioso proxecto que intervirá tanto interior coma exteriormente para renovar de forma integral esta infraestrutura deportiva. A mediados do mes pasado iniciábase o acopio de material e na actualidade xa están realizándose traballos na súa cuberta, tendo na planificación un prazo de execución aproximado de 4 meses.

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, destacou a “relevancia da renovación para a vila, tendo en conta que falamos dunha obra que reformará toda a envolvente e cuberta, a iluminación e o sistema de auga quente, aumentando o confort e a calidade da práctica deportiva”. E que tamén continúa, segundo Marcos, “coa planificación de aforro enerxético desenvolta polo Concello, que incorporou paulatinamente luminarias LEDs no casco urbano de Ares e outros espazos públicos ou a instalación de paneis fotovoltaicos en edificios de titularidade municipal, como os depósitos de Os Castros, a Casa da Xuventude ou Servizos Sociais”.

No que atinxe ao orzamento, a intervención suporá un investimento total de 556. 110, 61 euros, asumidos entre o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que se fai cargo do 85 %, e os fondos municipais do Concello, que achegará o 15 % restante.

Dende a área urbanística do Concello achegan máis contexto sobre o que se materializará nos próximos meses no pavillón. Así, revestirase o muro de bloques de formigón polo exterior con pranchas de EPS e o cerramento superior desinstalarase para colocar un novo panel de aceiro lacado de 70 mm.

Tamén se desmontará toda a cuberta, substituíndoa por un sistema de panel sándwich de aceiro lacado de 60 mm., e incorporarase un conxunto de claraboias parabólicas de apertura eléctrica para a ventilación do recinto, axudando a reducir o consumo enerxético en caso de alta ocupación.

Igualmente, cambiarase o sistema de iluminación interior, actuando sobre un total de 111 puntos nos que se instalarán lámpadas suspendidas e pantallas adosadas de tipo LED, co que se logrará unha mellora das prestacións lumínicas e un aforro no consumo de 59,54 %.

Completarase o proxecto coa substitución de toda a carpintería por un sistema con rotura de ponte térmico e dobre acristalamento laminar, amais de introducir paneis fotovoltaicos na cuberta e caldera de biomasa no interior do polideportivo.

Pódeche interesar