Avisos

BANDO INFORMATIVO SOBRE A ORGANIZACIÓN E CELEBRACIÓN DE ESPECTÁCULOS PÚBLICOS EXTRAORDINARIOS EN LOCAIS DE HOSTALERÍA

Con data 15 de xullo de 2026

A finais do mes de xuño, o Concello de Ares, en colaboración coa Policía Local e a Garda Civil, celebrou unha sesión informativa dirixida á hostalería local co fin de facilitarlles aos seus responsables datos e ferramentas que lles permitiran coñecer a diversa normativa autonómica, dereitos e obrigas relacionadas coa súa actividade.

Unha das materias sobre as que se ofreceu información foi a posibilidade de celebrar espectáculos públicos extraordinarios en locais cuxa licencia de actividade non inclúe esa opción.

Deste xeito, co fin de facer chegar esta mesma información a todas as persoas titulares de establecementos abertos ao público que desexen organizar dentro del unha actuación musical ou similar, comunícase no presente bando:

1. Que as persoas titulares dun establecemento aberto ao público que desexen organizar dentro del un espectáculo público de carácter extraordinario deberán presentar unha Declaración responsable no rexistro municipal ou sede electrónica con como mínimo sete (7) días naturais de antelación á data do evento. Nela deberá indicarse:

  • Datos da persoa responsable.
  • Data, hora e lugar de celebración.
  • Aforo previsto, así como se existe ou non instalacións desmontables (carpas, tarimas, escenarios, …)

2. Xunto coa declaración, deberán achegar a copia da póliza de seguro que inclúa a cobertura de responsabilidade civil para o dito espectáculo, cuxo importe variará atendendo ao aforo previsto, así como o xustificante de pagamento da prima. Non é válida por si soa a póliza de RC da súa actividade ordinaria, agás que especifique claramente que estean asegurados os espectáculos públicos extraordinarios.

3. Poderán comunicar e celebrar un máximo de 6 espectáculos públicos extraordinarios ao longo de cada ano natural.

4. Os espectáculos deberán celebrarse no interior do recinto dos establecementos, nunca nas terrazas que conten con autorización municipal por situarse na vía pública.

5. O espectáculo organizado non poderá alongarse máis alá das 23:59 h.

6. As sancións por incumprimento destas obrigas poderán acadar os 300 euros (infraccións leves) ata os 30.000 euros (infraccións graves), así como sancións accesorias.

Para calquera dúbida ou aclaración, poden contactar coa Policía Local de Ares (629078961) ou coa Concellaría de Turismo e Comercio (677124121).

Normativa de aplicación

  • Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2018).
  • Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia (DOG núm. 195, do 14 de outubro de 2019).
  • Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e do desenvolvemento dos espectáculos públicos e das actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro de 2023).
  • Ordenanza municipal reguladora das terrazas no Concello de Ares (BOP da Coruña núm. 67, do 8 de maio de 2020).

 

BANDO INFORMATIVO EN PDF