Bases do II Concurso para a selección do cartel anunciador do Ares Indiano
Aprobadas pola Xunta Municipal de Goberno do Concello de Ares en data 09/02/2026 as BASES DO II CONCURSO PARA A SELECCIÓN DO CARTEL ANUNCIADOR DO ARES INDIANO, publícanse íntegramente as mesmas e procédese á convocatoria do concurso segundo as seguintes:
BASES DA II EDICIÓN DO CONCURSO PARA A SELECCIÓN DO CARTEL ANUNCIADOR
ARES INDIANO 2026
1. OBXECTO DO CONCURSO
O Concello de Ares convoca un concurso para seleccionar o cartel anunciador da IX edición do ARES INDIANO, evento lúdico-cultural que se celebrará os días 21, 22 e 23 de agosto de 2026.
O premio pretende estimular a creatividade dos artistas participantes e fomentar a difusión do evento que ten lugar en Ares desde hai 9 anos. O cartel será a peza máis visible en todas as accións de comunicación que se realicen con motivo desta nova edición do Ares Indiano.
2. PARTICIPANTES
Este é un concurso aberto a deseñadores, artistas e creadores que residan en Galicia. Polo tanto poderán participar no mesmo cantas persoas estean interesadas, que sexan maiores de idade, podendo presentar cada unha delas un máximo de 2 deseños a concurso.
3. TEMA
O cartel oficial da IX Edición do ARES INDIANO terá como propósito recoller a idea da homenaxe á cultura e a instrución indiana tan presente no Concello de Ares que se ensalza cada verán na vila.
A temática será libre, así como o seu estilo e técnica, aínda que o resultado será axeitado para anunciar o evento que nos ocupa, e a realidade deste municipio, procurando reflectir aqueles motivos que identifiquen o evento e a vila de Ares.
Nas obras presentadas deberá figurar de forma ben visible o seguinte texto:
IX ARES INDIANO 21, 22 e 23 de agosto 2026
O deseño deberá contar cun espazo libre para a posterior inserción dos logotipos institucionais e privados que sexan necesarios. Para iso deixarase unha banda inferior de 5 cm de alto para tal fin, dentro do deseño.
Así mesmo é importante ter en conta que o deseño elixido do cartel aplicarase a moi distintos formatos publicitarios (roll up, valos, mupis, dípticos, prensa, etc.), polo que o deseño debe permitir a súa adaptación horizontal e vertical, sendo identificable en calquera deles.
4. PRESENTACIÓN
As persoas que se presenten a concurso deberán realizar o seu deseño en tamaño 50×70 cm, formato vertical.
A presentación realizarase a través da sede electrónica do Concello de Ares nun documento asinado polo/a autor/a coa seguinte información:
- Título/s do cartel.
- Nome do autor.
- Copia do D.N.I.
- Teléfono de contacto.
- E-mail de contacto.
- Explicación do cartel (máximo 5 liñas/cartel), como por exemplo, idea que tenta transmitir, obxectivo, elementos simbólicos empregados, etc.
- Declaración responsable do Anexo I.
Ao mesmo tempo enviarase en formato dixital, JPG, RGB, 300 ppp, cun peso máximo de 3 Megas, por e-mail á seguinte dirección: aresindiano@concellodeares.com
Asunto: Concurso Cartel Anunciador Ares Indiano 2026, incluíndo o número de rexistro de entrada outorgado polo rexistro electrónico municipal.
Os traballos presentados teñen que ser orixinais, de creación propia e inéditos (sen uso de intelixencia artificial, sendo descalificados os traballos que a usen), e o autor deberá ser propietario dos dereitos sobre as imaxes e elementos utilizados no cartel ou ben tratarse de recursos de libre uso.
Todos os participantes responsabilízanse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación que poida interpoñerse por dereitos de imaxe ou análogos.
Non poderá participar a persoa gañadora da edición anterior deste concurso.
5. PREMIOS
Establécese un único premio para a persoa gañadora dotado coa cantidade económica de 600 euros, que estará suxeito a impostos ou retencións vixentes segundo Lei.
A entrega efectiva do premio quedará condicionada a que o gañador cumpra coa totalidade das bases e a veracidade dos datos achegados na inscrición.
O premio é intransferible.
6. XURADO E SELECCIÓN DO GAÑADOR
O xurado será seleccionado pola Concellaría de Cultura do Concello de Ares quen recibirán para a selección de gañador as obras presentadas con carácter anónimo.
7. PRAZOS
O prazo de presentación das propostas abrirá o día seguinte da súa publicación no BOP da Coruña e rematará o 15 de maio do 2026.
8. COMPROMISOS DA PERSOA GAÑADORA
A persoa gañadora do concurso deberá facilitar ao Concello de Ares nos prazos que este indique a arte final do cartel seleccionado. Os arquivos finais deberán estar en formato dixital editable (capas) para a súa adaptación a outros posibles soportes por parte da organización.
A persoa autora do deseño gañador cede en exclusiva ao Concello de Ares os dereitos de explotación do traballo gañador sen ningún tipo de limitación, abarcando todas as modalidades de explotación e sen limitación territorial, temporal ou de calquera outra índole. No premio outorgado inclúese o prezo da cesión dos dereitos, ademais de que o Concello de Ares poderá modificar, desenvolver ou adaptar estes deseños utilizando calquera medio que considere oportuno.
O Concello de Ares será propietario do deseño e poderá, se fose o caso, e de acordo á lexislación vixente, rexistralo, co que adquirirá os dereitos de propiedade industrial.
9. ACEPTACIÓN DAS BASES E PROTECCIÓN DE DATOS
A participación neste Concurso supón a plena aceptación das presentes bases e a conformidade coas decisións do Xurado. Así mesmo, os/as participantes deberán presentar xunto coa documentación indicada, declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 8/2003 do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións segundo modelo anexo. No caso de recibir o premio deberán acreditar acharse ao corrente no cumprimento das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social.
As persoas participantes no presente concurso consenten que os seus datos persoais sexan tratados conforme as disposicións do Regulamento UE da Lei Orgánica 3/2018 de 5 de decembro de Protección de Datos persoais e garantía dos dereitos dixitais para o desenvolvemento do presente concurso, así como para comunicar noticias, novidades e información en xeral do Concello de Ares.

