A concelleira de Medio Ambiente, Lucía Blanco, participou esta mañá xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora territorial de Medio Ambiente, Pilar Arias, na recepción do novo punto limpo móbil adquirido polo Concello de Ares.
Durante a visita comprobouse o funcionamento do camión-grúa, 100 % eléctrico, equipado cun módulo contedor con catro bocas laterais para a recollida de equipos electrónicos (con e sen compoñentes perigosos), aceites de cociña usados e roupa. Este segundo vehículo permitirá reforzar o servizo rotativo polas parroquias, aumentando a frecuencia e facilitando o reciclaxe, especialmente á veciñanza que reside afastada do núcleo urbano.
A adquisición supón un investimento total de 108.900 euros (IVE incluído), dos cales 81.000 euros foron financiados pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e 27.900 euros con fondos municipais, consolidando así a aposta do goberno local por fortalecer a infraestrutura verde e a xestión sostible de residuos no municipio.













