A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, visitou onte xunto coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, e o representante do grupo do PP de Ares, Daniel Villaronga, a intervención de impulso da eficiencia enerxética que se está a acometer na infraestrutura do Centro Cultural Outeiro de Chanteiro.
As autoridades revisaron o estado actual das obras, uns traballos destinados a mellorar a envolvente térmica do edificio, o aillamento das fachadas e tamén a iluminación interior, incorporando novas luminarias de tipo LED para fomentar o aforro enerxético, amais de substituír a caldeira de gasoil previa por unha bomba de calor que emprega unha fonte de enerxía renovable.
O proxecto no Centro Cultural Outeiro supón un investimento de 105.465,95 euros, impostos incluídos, dos cales 81.469,46 euros proveñen dunha liña de subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e o restante, 23.996,49 euros, con cargo ás arcas municipais.
Ademais, toda a intervención reforza a estratexia de aforro enerxético desenvolta polo goberno local, facendo que a sustentabilidade chegue ao maior número de espazos e infraestruturas de titularidade municipal posibles.