Concurso de deseño do Logotipo da “Mesa de Saúde Local de Ares”

Comparte este evento

1. Obxecto do concurso

A Mesa de Saúde Local de Ares convoca o Concurso de Deseño de  Logotipo co obxectivo de crear unha identidade gráfica propia que represente os valores de participación cidadá, saúde comunitaria e traballo en rede, contribuíndo así ao posicionamento e recoñecemento da Mesa dentro da comunidade aresá.

O logotipo servirá como imaxe identificativa da Mesa en todos os soportes de comunicación (cartelería, redes sociais, documentos oficiais, materiais divulgativos, etc.) que empregue.

2. Persoas destinatarias

Poderá participar toda a veciñanza, de forma individual ou colectiva (asociacións, centros educativos, profesionais do deseño, etc.).

No caso de participantes menores de idade, requirirase autorización paterna/materna ou do/a titor/a legal.

3. Requisitos do deseño

O logotipo deberá ser orixinal e inédito.

Deberá representar visualmente os valores da saúde comunitaria, colaboración e benestar social.

Debe incluír de forma visible as palabras:

  • “Mesa de Saúde Local de Ares” ou “Mesa de Salud Local de Ares”.
  • “REGAPS Ferrol”.

Formato: circular ou cadrado.

Deberá entregarse:

  • En versión a cor, cun máximo de 4 cores, e versión branco e negro.
  • PDF editable e PNG ou JPG.
  • Cunha resolución mínima que garanta o seu emprego e lexibilidade en contexto dixital e analóxico.

4. Documentación a presentar

Cada proposta deberá incluír:

  1. O deseño do logotipo nos formatos indicados.
  2. Un texto explicativo do concepto (máx. 200 palabras).
  3. Nome e apelidos do autor/a ou colectivo, e datos de contacto (correo electrónico e teléfono).
  4. No caso de menores, autorización asinada.

5. Forma e prazo de presentación

As propostas deberán remitirse por correo electrónico a aressaudable@gmail.com  indicando no asunto: “Concurso Logotipo Mesa de Saúde Local de Ares”.

O prazo de presentación estará aberto ata o 5 de febreiro de 2026 (incluído).

6. Xurado e criterios de valoración

As propostas serán avaliadas pola Mesa de Saúde Local de Ares, que integra a representantes do Concello, do ámbito sanitario, educativo, social e cultural, tomando coma referencia os seguintes criterios de valoración:

  • Orixinalidade e creatividade.
  • Adecuación aos valores da Mesa e REGAPS.
  • Claridade visual e lexibilidade.
  • Aplicabilidade práctica en distintos formatos.
  • Cumprimento dos requisitos técnicos e formais.

O xurado poderá declarar deserta a presente convocatoria do concurso se non se reúnen os criterios mínimos de calidade que esixe o logotipo.

7. Premios

Só haberá un único gañador ou gañadora, que poderá seleccionar un dos tres seguintes premios:

  1. Bono por unha actividade náutica (paddlesurf ou kaiak) no Club Marítimo de Redes para dúas persoas dunha hora e media de duración (1,5 h.).
  2. Bono anual para asistir de balde ao ximnasio municipal.
  3. Premio metálico por valor de 150 € para investir no comercio local de Ares.
  4. Dereitos de uso e propiedade intelectual

O logotipo seleccionado pasará a ser propiedade do Concello de Ares e da Mesa de Saúde Local, que poderán utilizalo, reproducilo ou adaptalo para os seus fins institucionais.

A cesión realizarase con carácter exclusivo, indefinido e gratuito, recoñecendo a autoría orixinal.

As persoas participantes deberán garantir que as súas creacións son orixinais e non infrinxen dereitos de terceiros.

8. Publicación de resultados

O fallo do xurado farase público durante o mes de marzo de 2026.

O resultado publicarase nas canles oficiais do Concello de Ares e comunicarase persoalmente á persoa gañadora.

9. Autorización tratamento de datos e imaxe

O Concello de Ares, como responsable do tratamento, informa de que os datos que nos faciliten voluntariamente en relación coa participación neste concurso serán tratados coa finalidade de participar e entregar os premios da actividade CONCURSO DE DESEÑO DE LOGOTIPO PARA A MESA DE SAÚDE LOCAL, estando lexitimado para iso polo consentimento que os participantes expresamente nos outorgan coa inscrición na mesma.

Os datos e imaxes recompilados serán tratados única e exclusivamente coa citada finalidade e non serán cedidos ou comunicados a terceiros, agás o nome da persoa gañadora, que poderán ser expostos na web e nas redes sociais do Concello.

Os datos persoais das persoas participantes destruiranse unha vez rematado o concurso.

Todas as persoas participantes teñen dereito a solicitar, en calquera momento, o acceso, rectificación, cancelación ou supresión, oposición ou a limitación do seu tratamento ou cancelación de datos. Estes dereitos poderán exercelos mediante solicitude remitida ao Concello de Ares. Así mesmo, teñen dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

10. Aceptación das bases

A participación no concurso implica a plena aceptación destas bases e das decisións do xurado, que serán inapelables.

BASES EN PDF – CONCURSO DE DESEÑO DE LOGOTIPO PARA A MESA DE SAUDE LOCAL DE ARES

AUTORIZACIÓN DE PARTICIPACIÓN PARA MENORES DE IDADE CONCURSO DE DESEÑO DE LOGOTIPO MESA SAÚDE LOCAL

Pódeche interesar...

Eventos

ENTROIDO ARES 2026

📅 Mércores, 18 de febreiro de 2026⏰ 17:00 h📍 Praza da Constitución🌧️ Se chove: pista exterior do C.P.I. As Mirandas 🎉 Programación Animación de Entroido