Porto de Redes
puerto-de-redes-3

Redes é un dos portos pesqueiros máis enxebres das Rías Altas.

As súas casas están á mesma orela do mar e os mariñeiros amarran as súas embarcacións ás portas usando a soleira como embarcadeiro. Pertence á parroquia de Caamouco, que era señorío do cabido Compostelán no século XIV ata que pasou á Casa de Andrade.

Ponte da Ciscada

Trátase dunha ponte dun só arco e gran pureza de liñas lixeiramente alombada e ten as características propias deste tipo de construcción do século XVI.

Está moi preto da desembocadura do arroio na praia, xunto á alameda que linda con ela.

Cruceiro Chanteiro

Na estrada que percorre de oriente a occidente este concello, paralela á costa , e pouco antes de chegar á enseada de Chanteiro, está un dos poucos cruceiros que se poden contabilizar en Ares. É unha obra de gran tamaño e ben traballada aínda que carente de figuras. Levántase a partir dunha plataforma case invisible. Segue o pedestal cun primeiro corpo tronco-piramidal de pouca inclinación de caras, case prismático, rematado por unha pirámide cuadrangular que ten un vértice no punto de arrinque da columna. Esta é forte e alta, adornada no seu inicio e leva no seu extremo superior un capitel xeométrico. A cruz é alta e lisa.

Arquitectura indiana
casa-indiana

A maioría destas casas son de inspiración cubana, xa que Cuba foi un dos centros de emigración máis importantes na zona. O que máis abunda son as vivendas particulares. Soían ser casas realizadas sen a utilización de planos, sendo os responsables da súa construcción os albaneis do lugar, que seguían as directrices do patrón, sobre todo no que se refire ós deseños artísticos. Entre os elementos foráneos utilizados estaban as torres, as cubertas chas ou os pórticos con columnas; ademais de empregarse as molduras decorativas, o uso das cores vivas nas fachadas e outros elementos de influencias modernistas. Tamén os xardíns se tornaban exóticos co uso das especies vexetais traídas de ultramar. Estas casas introduciron melloras no que se refire a prestacións na vivenda: fanse cociñas máis bonitas e confortables, cuartos de baño modernos, escalinatas e soportais.

A casa Santa Amalia é un exemplo deste tipo de construcción. Está sita en Redes. Foi construída no ano 1919 por Luciano Rojo López, un emigrado á Habana adicado ó comercio do carbón. Posúe un gran portalón flanqueado por dúas urnas que dá acceso a un belo e vizoso xardín que rodea a casa. Na súa parte dereita presenta un pórtico lateral sos tido por columnas, clara influencia da cultura americana.

Outros exemplos dentro do municipio son: a Casa Pascual Martínez (1929); San Vicenzo de Caamouco (Redes), a Casa Minerva (1930, Barracido) ou a Casa de Paco Bello (1900-1915, Redes).