Os máis pequenos da casa e as súas familias viviron nestes últimos días varios eventos culturais centrados en celebrar as Letras Galegas 2026 con palabras máxicas, ilusionismo e moito humor na Biblioteca Municipal de Ares.
O mércores pasado chegou o contacontos ‘As letras que voan con nome de muller’: un xeito de achegarse de forma amena a Begoña Caamaño, homenaxeada este 17 de maio, sabendo que escribía sobre mulleres fortes e soñadoras, coas palabras como chaves para abrir portas que até ese instante permanecían pechadas.
E xa onte mesmo tamén estivo polo salón de actos da Alianza Aresana o Mago Charlangas, cargado de xogos de cartas, bolas, moedas e outras tantas sorpresas para mesturar maxia e teatro nunha historia na que navegar a través do tempo e da imaxinación.















