- O 11 de xullo á noite e no Parque Rosalía de Castro, interpretarase esta proposta que desexa lembrar ás persoas que se perderon no mar e ás que se quedaron en terra: viúvas, orfas…
- O evento cultural organizado pola Concellaría de Cultura coa produción do Centro Dramático Galego mesturará palabra, imaxe e música en directo nunha iniciativa pensada para público adolescente e adulto.
O vindeiro venres, 11 de xullo, ás 22:30 horas, a veciñanza de Ares poderá achegarse a un espectáculo teatral con profunda carga emocional. Trátase de “Costa da Morte: cartografía dun naufraxio”, unha proposta do Centro Dramático Galego, coa autoría da creadora Mariña Lestón, que recolle os ecos do pasado mariñeiro de Galicia a través dunha peza de teatro baseada en relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. A actividade, impulsada pola Concellaría de Cultura, desenvolverase no Parque Rosalía de Castro.
A proposta de Lestón mergúllase nas historias da costa galega que emerxen da traxedia dos naufraxios, pero tamén no impacto que tiveron nas persoas que ficaron en terra: as viúvas do mar, os fillos orfos. O espectáculo teatral constrúe un mapa emocional e íntimo do litoral galego, unido a partir desta perda colectiva, pensado para público adolescente e adulto.
De feito, Ares forma parte dunha xira máis ampla, con 17 municipios relacionados directamente co mar, dende A Guarda ata Ribadeo, deténdose en faros, portos, praias ou lugares próximos ó Atlántico; espazos simbólicos para acoller un evento que enfatiza o vínculo destes territorios co seu litoral, tamén dende a parte máis emocional.
Unha cita cultural para mergullarse nunha historia de sal e perda, mais tamén de resiliencia.