O Concello porá en marcha nesta fin de semana un dispositivo especial para xestionar o tránsito de vehículos durante as Alfombras Florais de Ares que se celebrarán durante as xornadas do sábado, 21 e o domingo, 22 de xuño.
Para facilitar o correcto desenvolvemento de todos os actos programados, dende a confección das alfombras á procesión da tarde do domingo ou os posteriores traballos de limpeza, aplicaranse un conxunto de medidas que afectan á circulación e estacionamento no núcleo urbano da vila.
En concreto, non se poderá circular nin estacionar dende o sábado, 21 de xuño, ás 09:00 horas ata o luns, 23 de xuño, ás 15:00 horas, nos seguintes tramos:
- Na Praza da Igrexa e o Peirao.
- Na Rúa Real ata as Escolas do Lago.
- Na Rúa María, dende o seu cruce coa Rúa Reitoral á altura da peixería, ata as Escolas do Lago.
Dende a Concellaría de Seguridade e Tráfico aconséllase aos visitantes desta Festa de Interese Turístico de Galicia empregar os aparcadoiros municipais gratuítos de carácter disuasorio, ao mesmo tempo que se estende un chamamento á colaboración cidadá nestas datas especiais e se agradece a comprensión da veciñanza polas posibles molestias ocasionadas.