A obra, cun investimento próximo aos 100.000 euros por parte do Concello e a Deputación da Coruña, renovou a rede de saneamento, pluviais e abastecemento e interviú no alumeado, electricidade e telecomunicacións.
A Concellaría de Urbanismo vén de informar esta semana do remate das obras que se estaban a executar nun tramo da rúa Os Anxos, que abrangue dende o cruce da rúa San Xosé até a altura da rúa Irmáns Bugallo. A actuación centrouse nunha mellora dos servizos e dos pavimentos, enmarcada dentro das principais intervencións urbanísticas que se realizan en Ares no marco do POS+2022 da Deputación da Coruña.
O investimento sufragouse entre as dúas administracións, con 79.735,16 euros do ente provincial e 19.933,79 euros do Concello, e supuxo a renovación da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, incluíndo obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións.
Tamén se cubriu a rúa cunha capa de rodadura de aglomerado para deixar atrás as irregularidades do firme preexistente e se instalou un pavimento de loseta hidráulica similar á anterior, aplicando finalmente a sinalización horizontal en todo o ámbito de traballo.
A obra recentemente finalizada continúa co esforzo de humanización urbanística do Concello, mellorando progresivamente os servizos do casco urbano de Ares, o que inclúe as intervencións dirixidas cara a dignificación da contorna do Porto, en rúas como a Caramanchón ou a Mártires.