IV edición do Premio de novela curta “Alén” do Concello de Ares

Comparte este evento

BASES DA CONVOCATORIA

  1. As bases reguladoras deste premio foron aprobadas por Decreto de Alcaldía do Concello de Ares con data 29/09/2025.

  2. Poderán concorrer ao certame de novela curta todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade e/ou residencia. Os/as participantes deberán estar ao corrente dos seus deberes tributarios e coa Seguridade Social, e non estar incursos en ningunha das exclusións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións. A concesión efectuarase mediante un réxime de concorrencia competitiva.

  3. Cada participante poderá presentar un único traballo en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003), orixinal e inédito, e nel deberá aparecer recollida a emigración galega, preferentemente de alén mar, aínda que poderá referirse á de calquera lugar do mundo. Non é necesario que a novela teña como eixo a emigración, pero si deberá formar parte da trama ou da vida dalgún dos seus personaxes.

  4. A obra, cunha extensión mínima de 80.000 e máxima de 140.000 caracteres con espazos, presentarase por triplicado, en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara (tipo de letra Times New Roman, tamaño 12), debidamente grampados ou encadernados co título e pseudónimo, sen sinatura nin calquera outro elemento identificador do/a autor/a. Deberá, ademais, incorporar obrigatoriamente un CD ou pen-drive co arquivo dixital do texto en formato OpenOffice, Word ou similar.

  5. A plica, nun sobre aparte co título e o pseudónimo no exterior, deberá conter no seu interior os datos do/a autor/a e fotocopia do documento de identificación (DNI/Pasaporte), teléfono e correo electrónico, así como unha declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita.

  6. O prazo de admisión dos orixinais comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no BOP da Coruña e finalizará o 9 de maio de 2026 (incluído).

  7. Os traballos, citando “IV Premio Novela Curta Alén” – Concello de Ares, remitiranse a:
    Concello de Ares, Rexistro Xeral. A/A da Área de Cultura, Av. Saavedra Meneses, 12, 15624 Ares, A Coruña, España.

  8. Para a concesión do premio valorarase a calidade da escritura, a técnica literaria empregada e a orixinalidade, entre outros aspectos.

  9. Establécese un único Primeiro Premio de 2.000,00 € e a publicación da obra, que será realizada por Hércules de Edicións. O importe do premio estará suxeito ás retencións establecidas pola lexislación vixente.

  10. O/a autor/a deberá recoller persoalmente o premio na data, lugar e hora que sinale a organización do certame. A non asistencia, ou delegación sen que estea debidamente xustificada por causa maior, suporá a renuncia ao premio.

  11. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio e emitirá publicamente o seu veredicto no mes de xuño de 2026. A decisión do xurado propoñerase á Xunta de Goberno Municipal de Ares, órgano que tomará acordo e cuxa resolución porá fin á vía administrativa. A presentación a este concurso non xera dereito ningún ata a decisión do xurado e a aprobación pola Xunta de Goberno Municipal.

  12. O acto de entrega e a presentación do libro terán lugar na segunda quincena do mes de agosto de 2026, no marco da festa Ares Indiano, e será obrigatoria a asistencia do/a autor/a da obra premiada.

  13. Os traballos non premiados serán destruídos trinta días despois do veredicto, polo que a súa reclamación deberá facerse persoalmente no rexistro electrónico ou presencial do Concello de Ares durante ese prazo. Non se manterá comunicación cos participantes, salvo co/a autor/a da obra premiada.

  14. Non se poderán presentar ao certame as persoas gañadoras do premio nos últimos 7 anos.

  15. O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das presentes bases.

BASES IV ALEN en pdf

Pódeche interesar...

Eventos

Obradoiros Non remates coas mates!

Obradoiros divulgativos de cultura matemática para adultos 1. Unha viaxe ao infinito a través dos números Adéntrate nos tipos de números e na súa evolución,