O pasado venres, 23 de maio, o salón de actos da Alianza Aresana acolleu a presentación de Caaveiro, a primeira novela do médico xubilado e doutor en Economía Julio Emilio Marco Franco, dentro da programación do Concello.
Acompañado pola concelleira de Cultura, Alma Barrón, o escritor mergullouse nas intrigas políticas e familiares da Casa dos Andrade que se desenvolven nas páxinas da súa obra, unha historia que actúa como un thriller histórico ambientado na Galicia do século XV. Trátase, en esencia, dunha novela caracterizada polo misterio, capaz de trasladar ao lector á época medieval sen perder rigor e combinando personaxes reais con ficticios.
Ao remate da presentación, realizouse a venda e sinatura de exemplares cun fin solidario: todos os fondos destinaranse a financiar incubadoras para hospitais con poucos recursos, dentro da iniciativa liderada por Pablo Sánchez Bergasa, Premio Princesa de Gerona.
Unha xornada onde historia, literatura e solidariedade camiñaron da man.