MOSTEIRO DE SANTA CATALINA
Santa Catalina de Montefaro está situada en Cervás, nun enclave privilexiado da península de Bezoucos. Fundado a expensas do señor Andrade, Fernán Pérez ‘O Bo’, a finais do século XIV, ten un estilo artístico de transición entre o románico e o gótico, e estivo rexido pola orde franciscana.
Foi un dos mosteiros con maior influencia en todo o golfo Ártabro. Os seus monxes mantiñan tamén a veciña ermida de Chanteiro, encargábanse da liturxia do próximo Castelo da Palma que defendía a ría de Ferrol, rexentaban o hospital da ponte de Pontedeume e xestionaban unha ampla biblioteca, pois Montefaro foi durante un tempo centro de estudos de Teoloxía Moral.
Na torre de entrada, de estilo barroco galego do século XVIII, destaca o escudo da orde fundadora. O Mosteiro de Santa Catalina ten dous claustros, un de estilo renacentista con cinco arcos de medio punto en cada lado, apoiados sobre pilastras con piares intermedios que sosteñen a camisa e o tellado. No centro do claustro hai un pozo, pero en orixe había unha fonte e un xabaril, símbolo da casa de Andrade.
O segundo claustro consta de sete arcos de medio punto sobre pilastras, e un segundo corpo con arcos rebaixados cunha moderna balaustrada de madeira estilo mariñeiro. Nun lateral do claustro renacentista, hai unhas pinturas murais do século XVI, realizadas coa técnica ao fresco, con escenas da Paixón de Cristo, divididas por franxas verticais con motivos xeométricos.
A Sala Capitular é de estilo románico e transición ao gótico, salvo a portada de tres vans de dobre arcada entrecruzada con arquivoltas apuntadas sobre columnas e capiteis historiados, que inclúen decoración zoomórfica con paisaxes da vida de San Francisco de Asís. Na base da columna da dereita está representada unha venera, en relación co Camiño de Santiago.
A capela actual substituíu no século XVIII á primitiva igrexa conventual de planta de cruz latina, agora de nave única, con bóveda de canón sobre o altar maior. Ten un retablo de estilo barroco churrigueresco, de madeira policromada coa técnica do estufado. Nel están representados San Francisco de Asís, Santo Domingo e Santa Catalina de Alexandría.
A contorna do Mosteiro está formada por terreos e xardíns que se atopan coidados e recuperados desde que o Concello de Ares se fixo cargo. Tanto o edificio como os seus arredores úsanse para fins públicos, como reunións, exposicións, así como sede de numerosas actividades, tanto municipais como das asociacións culturais de Ares.
O centro de interpretación é de recente creación e está situado no Cabildo. Inclúe restos de esculturas, a maioría da construción do Mosteiro e algunhas anteriores como o símbolo solar, probablemente relacionado co culto ao sol.
Para máis información sobre o centro de interpretación, pode consultar a súa páxina web http://cabidodemontefaro.com/es/