Na Cerna do Son, unha fusión de danza, música e poesía para viaxar ao corazón da música tradicional galega

Comparte esta nota de prensa

  • O vindeiro 28 de setembro ás 20:00 horas no Casino Aresano, o grupo actoral de Gallaecia Eventos representará esta homenaxe a todas as persoas que tiveron que emigrar para buscar unha vida mellor.
  • O acto terá entrada libre e está promovido pola Concellaría de Cultura, en colaboración coa Deputación da Coruña e o propio Casino Aresano.

 

Con cancións latinoamericanas e composicións que abordan o fenómeno migratorio, o espectáculo Na cerna do Son chegará a Ares para narrar unha viaxe que comeza en Galicia, percorre Latinoamérica e regresa de volta á terra galega.

O evento, organizado pola Concellaría de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña e do Casino Aresano, promoverase nas instalacións do propio Casino o domingo, 28 de setembro a partir das 20:00 horas e mesturará danza, música e poesía cun obxectivo: camiñar cara o corazón da música tradicional galega namentres se fai unha homenaxe ás persoas migrantes que marcharon para procurar unhas mellores condicións de vida.

Boleros, tangos ou salsas mesturaranse con cantos de traballo, alalás e melodías tradicionais anónimas, amais de elementos musicais que proceden do jazz, da balada ou do funky, facendo que Na Cerna do Son se caracterice pola súa multidisciplinaridade.

Cristian Leggiero ao piano, Paty Lesta como cantante, Moisés Fernández no caixón flamenco, Ricardo Fernández como bailarín, Luis Iglesias exercendo de narrador e Iván Villar na dirección escénica encargaranse desta viaxe emocional alén mar. Non dubides en acudir!

 

Pódeche interesar