Normativa de uso das redes sociais institucionais

As contas de Facebook, Instagram, Youtube e X do Concello de Ares presentan un carácter institucional e destínanse á transmisión de contidos informativos vencellados coa administración local para todo aquel usuario/a interesado na súa actividade. Os perfís nestas redes sociais (RRSS) actúan como unha ferramenta de comunicación directa coa veciñanza, permiten difundir as actividades culturais, deportivas, educativas ou sociais do Concello e dotan á cidadanía dunha canle para opinar, comentar e participar.

Con todo, as redes sociais do Concello de Ares están suxeitas a unha normativa básica de participación que garanta a calidade do debate público e o respecto mutuo, tomando como base premisas de comportamento cívico tales como:

  • Empregar sempre unha linguaxe educada, non permitíndose ningún tipo de agresión verbal entre usuarios ou contra a institución.
  • Respectar en todo momento e circunstancia a privacidade dos demais usuarios, o que conleva non vulnerar dereitos de terceiros/as no tocante á difusión de imaxes, datos persoais ou outra información sensible.

Ademais, o equipo xestor das redes sociais institucionais resérvase o dereito para eliminar e/ou reportar as actuacións que se consideren inadecuadas por parte dos usuarios/as, así como bloquear a aqueles que:

  • Actúen baixo un perfil falso que impide o seu recoñecemento como usuarios reais, debidamente identificados.
  • Publiquen mensaxes discriminatorias, abusivas, que promovan o odio ou teñan como obxecto final a difamación ou vexación.
  • Insulten, ameacen ou empreguen unha linguaxe ofensiva en calquera das súas formas.
  • Inclúan ligazóns a páxinas que conteñan contido dañino ou perigoso para outros usuarios.
  • Fagan SPAM masivo ou publicidade doutras marcas, produtos ou servizos.
  • Difundan datos persoais ou vulneren dereitos de terceiros/as.
  • Realicen reiteracións ou comentarios repetidos, sen ningún tipo de relación co contido da publicación.

 

Esta normativa, así como a moderación das mensaxes e comentarios, estará vixente en todo contido publicado polo Concello de Ares nos seus perfís institucionais. 

Consulta o Boletín Oficial da Provincia (04.02.2026) no que se recolle a publicación definitiva da normativa, tras aprobación na sesión plenaria do 24 de novembro de 2025.