A Casa da Xuventude de Ares acollerá dende este venres, 18 de xullo, unha mostra de novas pinturas do aresán Ramón Casteleiro, ciruxán ortopédico retirado que descubriu, pouco antes de xubilarse, a súa conexión co eido pictórico.
Casteleiro transita tanto a escultura como a pintura ao óleo, e será este segundo campo o que protagonizará a nova exposición das súas obras no edificio municipal. No andar superior haberá unha representación de cadros figurativos e abstractos, fuxindo no caso dos últimos da figuración clásica para expresarse unicamente a partir das cores, das formas xeométricas e dos xogos coas liñas.
Estará aberto ao público até o 31 de xullo co seguinte horario para toda persoa interesada en visitar a colección:
- De luns a venres, de 10:30 a 14:00 h.
- Martes, mércores, e xoves, de 20:30 a 23:00 h., incorporando a franxa de tarde.
O artista local amosa o seu traballo como xa fixo en anteriores ocasións na Casa da Xuventude, incluíndo exposicións que achegaban pinturas de paisaxes da zona –baixo o nome ‘Unha narración pictórica da nosa contorna’–, reproducións de grandes clásicos ’—na súa mostra ‘Escolma de pintura dun tempo’— ou a súa produción escultórica en ‘Mitoloxías de Oriente e Occidente’.