- O Centro Cultural Outeiro será o escenario de tres preparacións que toman como base este produto do Atlántico, amosando como facelas en directo grazas a Adrián Pérez, cociñeiro do restaurante Sinxelo.
- O evento gastronómico organizarase o próximo venres, 11 de xullo a partir das 18:30 h., con aforo limitado.
Escuma de ourizo con panko frito, brioche recheo de ourizo de mar con emulsión de xema de ovo e ravioli de ourizo, crema san simón e picada de tomate: esas son as tres receitas que cociñará en directo Adrián Pérez o vindeiro 11 de xullo a partir das 18:30 h en Chanteiro.
O Centro Cultural Outeiro acollerá un novo showcooking coa presenza do chef do Restaurante Sinxelo e partindo dun obxectivo claro: poñer en valor este produto de gran calidade procedente do Atlántico exhaltando as súas características e amosando as posibilidades que ofrece na cociña.
Será a través dun formato gastronómico que mesturará a divulgación do ourizo coa degustación das tres preparacións de Adrián Pérez. Non hai necesidade de reserva previa, pero si que contará con aforo limitado.
Este segundo showcooking, despois do organizado no pasado mes de abril, vén a enmarcarse dentro do proxecto ‘O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza’, impulsado polo Concello de Ares co Centro Cultural Outeiro de Chanteiro e o apoio económico da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o GALP Golfo Ártabro Norte e fondos da Unión Europea.