O Ares Indiano 2025 estreará novo merchandising grazas ó labor dos usuarios da Asociación Nuestra Señora de Chamorro

Comparte esta nota de prensa

  • A Concellaría de Cultura, co apoio de Autoservicios Familia, fíxolle este encargo especial para contribuír a que os seus deseños tamén sexan protagonistas da próxima edición do evento.
  • Unha bolsa de tea, un neceser e un imán serán os produtos que porá o Concello á venda na celebración indiana para todo aquel que desexe levarse un recordo á casa.

 

Tres edificios que sintetizan a pegada da migración, os sombreiros que tanto caracterizan á figura do indiano e as maletas que nos lembran as travesías dos que marcharon: iso é o que un pode atopar nos novos produtos de merchandising do Ares Indiano 2025, tres deseños que chegarán ó municipio confeccionados co cariño e creatividade dos usuarios e usuarias da Asociación Nuestra Señora de Chamorro.

A concelleira de Cultura, Alma Barrón, visitou o centro desta entidade que traballa, día tras día, con persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, e puido comprobar in situ o resultado final: novas bolsas de tea, neceser e imán feitos a man para lembrar o evento indiano e todo o que conleva.

A Tenencia, en Caamouco, a Alianza Aresana, no núcleo urbano de Ares, e o CIRS Cervás, na parroquia homónima, son as edificacións escollidas para representar simbolicamente o pasado do municipio en relación co proceso migratorio, sabendo que tras eses edificios se agochan historias de sacrificio, esforzo e traballo a prol do progreso colectivo da vila, e que aínda a día de hoxe continúan a ser espazos de dinamización social e educativa de gran relevancia.

A colaboración materializouse co apoio económico de Autoservicios Familia e dota ó merchandising deste ano dun carácter inclusivo, facendo que a Asociación Nuestra Señora de Chamorro teña un papel singular na celebración do Ares Indiano.

Ademais, tanto os neceseres como as bolsas de tea empregan algodón orgánico, libre de produtos químicos nocivos e con fontes certificadas de orixe,  un material respectuoso co medioambiente e que achega máis suavidade no contacto coa pel.

 

 

Pódeche interesar