O Concello, grazas á involucración da Deputación da Coruña no evento dentro da súa campaña ‘A paisaxe que sabe’, contará cunha carpa gastronómica e un mercado de artesáns que se instalarán no Parque Rosalía.
A cociñeira Nair González, unha das mellores chefs da provincia, e o especialista en elaboracións con chocolate Tomás Rodríguez, de OXOCO, serán os encargados de facer realidade as mostras de cociña en directo.
O Parque Rosalía de Castro estreará un novo lugar de referencia para a promoción dos produtos galegos e do talento gastronómico dentro do VIII Ares Indiano. Será alí, no denominado como ‘Espazo Deputación’, onde a veciñanza atopará un mercado de artesáns con produtos elaborados con coidado e calma, mais tamén unha nova carpa que acollerá 7 showcookings e 2 degustacións de chocolates ao longo do 22, 23 e 24 de agosto.
A proposta, no marco da campaña da Deputación da Coruña ‘A paisaxe que sabe’ na que se inscriben axentes agroalimentarios e de restauración caracterizados pola sustentabilidade e calidade, fará que convivan as dúas experiencias e ofrecerá un percorrido pola artesanía galega, mais tamén polo sabor da emigración.
Os sete showcookings serán a cargo de Nair González, unha das mellores cociñeiras da provincia, que fundirá os sabores dun lado e outro do Atlántico nas súas elaboracións cun menú singular, incluíndo froitas caribeñas e produtos do mar galego. As propostas de Nair González repartiranse entre os tres días do Ares Indiano 2025:
Venres, 22 de agosto
- Tosta de sardina afumada
- Cremoso de queixo, coco e piña (mañá e tarde)
Sábado, 23 de agosto
- Langostino con mojo de maracuyá (mañá)
- Arepa de costela e mango encurtido (tarde)
- Torrada de pan de millo con crema de plátano (mañá e tarde)
Domingo, 24 de agosto
- Ropa vella de polbo
- Trufas de chocolate á galega
E completará a oferta gastronómica Tomás Rodríguez, responsable da firma de Pontedeume OXOCO, para facer dúas degustacións de produtos de chocolate artesanais, feitos polo propio Tomás, con sabores ligados á paisaxe e cultura de Galicia.
Mais o Espazo Deputación sito no Parque Rosalía de Castro non acollerá exclusivamente isto, senón que tamén se poderán desfrutar de actividades de dinamización e do espectáculo musical CORES, unha proposta prevista para o 22 de agosto ás 20:00 horas na que se combinarán música en directo, danza, interpretación e rodaxe audiovisual con catro números musicais itinerantes, todos eles tomando a inmigración como fío condutor.
Temas como a procura de oportunidades, a violencia, a precariedade ou a liberdade do migrante serán centrais no espectáculo de CORES, que principiará na praia de Ares, discurrirá cara o paseo marítimo e rematará no Espazo Deputación, con máis de 10 intérpretes da serie Artistas de Reserva e 35 bailaríns da academia All Dance Studio.