- Autoridades do Concello e representantes da Sociedade inauguraron este fin de semana o Nacemento que, dende 2022, está incluído na Guía de Beléns de Interese Turístico de Galicia.
- A veciñanza poderá botar unha ollada aos máis de 50 metros cadrados e preto de 300 figuras de barro ata o 4 de xaneiro.
Un dos Beléns máis coñecidos a nivel comarcal pola súa fonda tradición e agarimo na confección xa está aberto para toda aquela persoa interesada en velo de preto. O sábado pasado, a presidenta da Sociedade Cultural O Tilo, asociación encargada da súa posta en marcha, María del Mar Bujones, xunto con outros membros da entidade, e a concelleira de Turismo, Lucía Blanco, inauguraron o Nacemento deste 2025.
Así, o Belén de O Tilo, que sintetiza un gran esforzo voluntario por parte da Sociedade, atraerá un ano máis visitas de toda Ferrolterra e arredores, sabendo que as preto de 300 figuras de barro –algunhas delas superan os 20 centímetros e aproximadamente 40 son móbiles— se van actualizando ou ampliando, ao tempo que tamén varía o xeito de representar algunha das escenas.
O atractivo e calidade deste Nacemento xa foi acreditado en 2022, momento en que se incluíu na Guía de Beléns de Interese Turístico de Galicia, recoñecendo o seu valor en todo o territorio galego.
HORARIOS DE VISITA
Até o 4 de xaneiro, o Belén de O Tilo pódese visitar na Rúa María, número 182 (Baixo), na esquina coa Avenida Federico García Expósito. Estará aberto de luns a domingo de 16:30 a 20:00 h., pechando exclusivamente nas xornadas do 24, 25 e 31 de decembro, xunto co 1 de xaneiro de 2026.
Tamén existe a opción de visitas concertadas para grupos, centros de maiores ou colexios, contactando previamente no teléfono 669 404 425 ou no correo electrónico sceltilo@gmail.com.
A entrada é gratuíta, aínda que é posible deixar unha doazón para a S.C. O Tilo, e accesible a xente en cadeira de rodas.






