- Concello, representantes do club olívico e da Federación Galega de Fútbol en Ferrol presentaron esta mañá o evento deportivo.
- O campus promoverase do 14 ao 18 de xullo en horario de mañás e xa conta dende hoxe coas inscricións operativas para as persoas interesadas.
O consistorio de Ares acolleu na xornada de hoxe a presentación oficial da nova edición do Campus de Fútbol de Verán da Fundación Celta, a iniciativa para que os rapaces e rapazas de 5 a 16 anos se poidan formar a partir das metodoloxías do club de Vigo, aglutinando a parte máis lúdica do deporte coa promoción de valores básicos.
Debullaron esta mañá os detalles do campus a concelleira de Deportes, Alma Barrón; o técnico municipal, Javier Sánchez; o delegado territorial da Federación Galega de Fútbol en Ferrol, Abraham Yáñez, e Manuel Gómez e Blas Charlín, director e coordinador respectivamente do Campus de Verán do R.C. Celta.
As xornadas do evento, que conta cunha gran tradición na programación deportiva aresán, desenvolveranse en horario matutino, de 9:30 a 14:00 h., cun equipo do club olívico encargado de guiar á rapazada na súa mellora como futbolistas. Partiranse das metodoloxías do Real Club Celta de Vigo para perfilar as habilidades técnicas, pero tamén fomentar o compañeirismo e valores básicos no día a día dun vestiario.
As inscricións xa se atopan operativas cun prezo xeral de 158 euros a través da páxina web oficial do Real Club Celta de Vigo (www.rccelta.es), mais haberá un prezo reducido de 142 euros para todos os xogadores co carné celtista, federados no Numancia ADR ou noutro club conveniado co equipo vigués.
A cuota incluirá tamén roupa de entrenamento (camiseta, pantalón e calcetíns), merenda completa nas xornadas, a cerimonia de clausura con entrega de diplomas e sorteo de regalos e a posibilidade do denominado como Premio AFOUTEZA: un entrenamento coa canteira do RC Celta.
Máis información e inscricións: https://rccelta.es/fundacion/formacion/campus/