- O vindeiro 26 de abril, a partir das 18:30 horas, o chef Miguel Ángel Campos do Restaurante A Gabeira estará nas instalacións do centro cultural para ensinar diferentes receitas en directo con este produto do Atlántico.
- Cunha forte tradición, Miguel Ángel Campos é un dos principais representantes gastronómicos de Ferrol, asumindo no ano 1995 o negocio familiar e modernizándoo con fusións innovadoras.
Malia non poder celebrar como en anteriores anos a XXXII Festa do Ourizo ante as dificultades de capturar este produto do mar polos condicionantes metereolóxicos, o Centro Cultural Outeiro mantén a segunda das propostas inscritas na súa tradicional exhaltación do ourizo en Chanteiro.
O chef do Restaurante A Gabeira e membro do grupo Nove Miguel Ángel Campos estará nas súas instalacións para cociñar en directo nun formato de showcooking varias preparacións que toman como base o ourizo de mar. Será o sábado, 26 de abril, dende as 18:30 horas e con aforo limitado.
A cociña de Miguel Ángel Campos é un dos principais escaparates da gastronomía de Ferrol grazas á súa aposta pola fusión entre vangarda e tradición, co emprego de produtos galegos de calidade. Dende 1995 dirixe o restaurante familiar inaugurado en 1923 pola súa bisavoa, sendo a cuarta xeración en rexentar o negocio, pero introducindo fusións innovadoras. Formouse na escola de hostalería Lamas de Abade e tamén traballou no restaurante vasco Zuberoa.
Nesta ocasión, a veciñanza poderán presenciar a preparación de tres pratos con forte sabor a mar: ourizo con alga wakame, holandesa e raspadura de lima, pescada en salsa de ourizos e albariño e Pani Puri recheo de alga codium e ourizo.
O showcooking materialízase grazas ao proxecto ‘O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza’, impulsado polo Concello de Ares co Centro Cultural Outeiro de Chanteiro e o apoio económico da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o GALP Golfo Ártabro Norte e fondos da Unión Europea.