Baixo o título “Candorcas e outros cetáceos en Galicia: Compartimos o mar”, o biólogo Alfredo López, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), compartirá o seu coñecemento e paixón por estes incribles animais que habitan nas nosas costas.
O mar é o fogar natural destes maxestosos animais, e desde fai miles de anos, os cetáceos e os humanos compartimos este medio mariño. Con todo, realmente comprendemos o seu papel ecolóxico e a importancia da súa conservación?
Nesta charla, descubriremos a problemática que enfrontan os arroaces, baleas e candorcas, e a importancia de entender o seu papel no ecosistema mariño para asegurar un futuro sostible para as xeracións vindeiras. A conferencia servirá para descubrir datos fascinantes sobre o seu comportamento, a súa bioloxía e a súa importancia no ecosistema mariño.
Se es amante do mar, a vida mariña ou simplemente apaixónache a natureza e preocúpache a conservación do noso planeta, non faltes a esta oportunidade de aprender e apreciar a beleza dos cetáceos en Galicia. A cita é este sábado, 29 de abril, a partir das 19:30 h, no Club Marítimo de Redes!