O Concello acondicionará o muro anexo ao CPI As Mirandas

Comparte esta nota de prensa

  • Os traballos de embelecemento e acondicionamento veñen de arrancar recentemente co foco posto en incorporar un novo revestimento e listóns de madeira.
  • Teñen un prazo de execución dun mes por un importe próximo aos 30.500 euros, IVA incluído, asumido entre Concello e o Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia.

 

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar esta mañá o inicio da intervención que acondicionará e embelecerá o muro exterior anexo ao CPI As Mirandas, lindando co aparcamento e de paso obrigado cara o acceso ao colexio.

Na actualidade, o muro conta cuns bancos en formigón desnudo, mesmo material que ten toda a súa estrutura, e actúa pola súa ubicación como zona de espera e de relación entre a mocidade que acode ó colexio. O proxecto que vén de arrancar rematará co seu feísmo incorporando un novo revestimento cun chapado de granito, así como varios listóns de madeira de castaño para introducir nas zonas que conteñen ás árbores.

Coa intervención preténdese obter un muro anexo visualmente máis harmonioso e uns bancos que, xunto co seu embelecemento, sexan máis confortables para o día a día tanto de estudantado coma de veciñanza.

O proxecto conta cun orzamento de 30.455, 88 euros, asumidos entre as arcas municipais (10.455,88 euros) e o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta (20.000 euros euros).  

A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, enfatizou a “liña continuista do equipo de goberno nesta idea de rematar co feísmo en diferentes espazos municipais, coa colaboración económica do Instituto de Estudos do Territorio, como foi o caso do peche das Escolas do Lago, por case 32.000 euros, ou revestimento dos vestiarios nas pistas deportivas de Pedrós, cun investimento doutros 30.000 euros”.

 

Pódeche interesar