- O proxecto implica a materialización de 20 novas luminarias de tipoloxía LED (10 novas e 10 renovadas na súa infraestrutura) para aumentar a calidade lumínica da zona e promover un maior aforro no consumo eléctrico.
- A intervención parte dun orzamento de preto de 30.000 euros sufragados a través do POS+2024 da Deputación da Coruña.
A Concellaría de Urbanismo vén de informar da adxudicación do proxecto de ampliación e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público de Pezoas, Mazaído e Curmá, tres núcleos que contarán cun novo sistema de iluminación grazas a esta intervención.
A actuación conlevará a implementación de 10 luminarias e a renovación doutras 10 para lograr contar con 20 puntos de luz LED con farolas de tipo vila, amais de substituír a infraestrutura de cableado e os seus cadros de mando, algúns deteriorados polo paso do tempo.
Respóndese así a unha demanda da veciñanza da parte alta de Caamouco nun camiño que se abriu xa na primeira lexislatura do actual alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, e que conecta con áreas de interese como o Club de Tenis e o propio núcleo urbano de Redes.
Coa materialización deste proxecto recentemente adxudicado lograrase a ampliación da instalación de alumeado público, amais de mellorar no aforro enerxético, tendo en conta que as luminarias de tipo LED promoverán unha redución do consumo eléctrico de máis da metade do consumo actual.
Ademais, o novo sistema de alumeado público será adaptable, de tal xeito que se pode reducir ou ampliar o nivel de iluminación en función das horas de maior afluencia peonil ou de vehículos, incrementando a súa eficiencia enerxética.
O orzamento da intervención ascende a 30.072,92 euros, impostos incluídos, con cargo ao POS+2024 da Deputación da Coruña.