- O goberno local dá un paso máis na mellora e dignificacion da antiga Reitoral da vila, catalogada como inmoble protexido polo seu valor patrimonial e histórico, desta volta actuando nas fachadas cunha renovación integral da pintura.
- A actuación contempla intervir sobre aproximadamente 425 metros cadrados, baixo un investmento próximo aos 20.000 euros, impostos incluídos.
Ao longo das vindeiras semanas, a Reitoral de Ares contará cunha nova intervención para continuar no camiño de conservación e posta en valor de todo o inmoble impulsado polo Concello, despois de executar a rehabilitación e reacondicionamento do seu interior para recuperalo como espazo de usos sociocomunitarios.
Así o anunciou a Concellaría de Urbanismo municipal, ao tempo que daba conta do inicio dos traballos de pintado exterior sobre as fachadas deste singular edificio do ano 1696, unhas labores que veñen de arrancar nestes últimos días e que permitirán rematar co deterioro exterior da Reitoral, acentuado pola exposición ás condicións climatolóxicas adversas do pasado inverno.
A actuación contempla traballos de limpeza, raspado e lixado das pinturas antigas e a posterior aplicación dunha nova pintura plástica con adherencia para exterior, abranguendo unha superficie aproximada de 425 metros cadrados da fachada.
O investimento será de 19.695,15 euros, IVE incluído, asumido con fondos do Concello a partir do préstamo sen intereses do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
O pintado sumarase, en palabras de Olimpia Marcos, edila de Urbanismo, ó “conxunto de traballos que executamos para recuperar o esplendor da Reitoral e poñela a disposición da veciñanza, sabendo o seu considerable valor patrimonial”. De feito, é unha das tres edificacións en todo Ares que conta cun patín de entrada con escaleiras, xunto coa Casa da Xuventude e o Xuzgado de Paz, ambas de titularidade municipal.
Marcos tamén enfatizou “o esforzo desenvolto ao longo dos anos dende o goberno local para dignificalo: executamos o desescombro inicialmente, traballamos sobre a envolvente, rehabilitamos o seu interior e agora era preciso actuar sobre a pintura”.
Mais as intervencións relacionadas coa Reitoral non só se promoveron no propio edificio, “senón que fixemos realidade un aparcadoiro público, totalmente gratuito, anexo ao inmoble, que será tamén útil no emprego da Reitoral como espazo de usos sociocomunitarios”, continuou a concelleira de Urbanismo, “e dotamos á área dun equipo de bombeo destinado a solventar os problemas de inundacións da zona”.



