O Concello conclúe coa renovación de carpintería e o repintado do Mercado Municipal de Ares

Comparte esta nota de prensa

  • A infraestrutura estrea nova imaxe despois de executar o proxecto que renovou ventás e adecuou o edificio á Guía de Cores e Materiais de Galicia.
  • Supuxo un investimento de case 41.000 euros asumido polos fondos municipais, mais cun préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo para facilitar o financiamento.

 

Un Mercado Municipal de Ares en consonancia co lugar no que se inscribe, cunha nova imaxe e máis preparado en termos de eficiencia enerxética: ese é o resumo detrás da intervención que vén de finalizar recentemente o Concello nel e que permite ver a infraestrutura municipal con nova pintura e carpinterías.

Nestas últimas semanas traballouse sobre as súas ventás, substituíndoas con perfís de PEV e abatibles e incorporando un dobre acristalamento que garanta un maior aillamento no Mercado, mais tamén se aplicou un repintado en toda a fachada con pintura acrílica de tonos brancos e grises.

O Mercado de Ares loce agora unha paleta cromática adaptada á Guía de cor e Materiais da Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), cumprindo así coas directrices que se estipulan neste documento técnico. Un impulso á envolvente do edificio que garante unha estética e un aillamento de máis calidade.

Os traballos supuxeron un investimento de 40.930,67 euros, impostos incluídos, con cargo ás arcas municipais, mais empregando un préstamo do Instituto Galego da Vivenda e Solo como apoio no seu financiamento.

 Así se da continuidade ao traballo xa desenvolto noutras envolventes de edificios municipais, como executou o Concello no pavillón polideportivo de Ares, nos vestiarios do Numancia ou no local do Centro Cultural Outeiro, en Chanteiro, todas elas co foco posto na mellora da eficiencia enerxética.

 

Pódeche interesar