- Para incrementar o emprego das dúas illas de compostaxe comunitaria que ten habilitadas a área de Medioambiente, programaranse dous actos informativos para que veciños e veciñas poidan entender como empregalas, nocións básicas de residuos e como separalos correctamente.
- Os actos informativos terán lugar o mércores, 27 de agosto, en horario de 16:30 a 18:30 h. e de 19:00 a 21:00 h., o primeiro deles na urbanización Mariña do Pombal e o segundo na urbanización Granxares, ao pé das illas comunitarias.
A Concellaría de Medioambiente organizará esta mesma semana dous eventos vencellados directamente coas illas de compostaxe comunitarias activas en Ares, operativas dende finais do pasado ano para que a veciñanza poida depositar os residuos orgánicos xerados a diario nas súas vivendas particulares.
Así, o vindeiro mércores 27 de agosto, convídase a todos os veciños e veciñas que xa as empregan, mais tamén a aquelas persoas interesadas en sumarse á compostaxe comunitaria, a acudir aos actos informativos que se realizarán ao pé das ubicacións das illas, o primeiro de 16:30 h. a 18:30 h. (na urbanización Mariña do Pombal) e o segundo de 19.00 a 21:00 h. (na urbanización GranxAres).
Durante os eventos, afondarase no funcionamento desta infraestrutura de carácter ecolóxico e achegaranse pautas básicas para o seu manexo, amais de aprender a identificar os residuos que poden ser depositados e cales non.
Ao peche dos actos, o Concello impulsará un obradoiro destinado á mocidade onde poderán elaborar o seu propio colector de pilas usadas, e tamén se fará un aperitivo coas persoas asistentes.
A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, aproveitou a posta en marcha destes actos para salientar “que a compostaxe é fundamental á hora de contribuír á autoxestión da materia orgánica, beneficiándonos das súas vantaxes ambientais e económicas”. Deste xeito, recupérase unha tradición asentada no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost, mais aplicando un proceso máis hixiénico, cómodo e eficiente.
A campaña de compostaxe comunitaria, incluídos estes actos informativos, contan co apoio económico do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a Xunta de Galicia e os fondos NextGeneration da Unión Europea.
INFRAESTRUTURA ECOLÓXICA EN AUMENTO
A infraestrutura ecolóxica, de carácter verde, do Concello foi ampliándose progresivamente nos últimos anos dende tres grandes vías, co foco posto en facer de Ares un lugar máis sostible, cun proceso de xestión da reciclaxe máis óptimo.
A primeira delas impulsou unha rede de 3 puntos limpos fixos, no núcleo urbano de Ares, e 1 móbil, que percorre o municipio baixo unha planificación previa, namentres que a segunda gran actuación materializou máis de 90 composteiros individuais xa instalados nos fogares dos e das aresáns.
Finalmente, a terceira vía involucra estas illas de compostaxe comunitaria, que permiten empregar o compost en xardíns municipais ou repartilo a quen o solicite para as súas fincas.