Durante toda esta semana, a Feira Internacional de Turismo (FITUR) converte Madrid no epicentro do sector turístico cun evento onde institucións, operadores e axentes especializados tecen novas sinerxias. E Ares tamén está presente na súa programación, como parte da delegación do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas.
Ata a capital española viaxou a concelleira de Turismo, Lucía Blanco, para manter encontros con representantes doutras administracións públicas e profesionais do sector que poidan contribuir á promoción turística aresá, co foco posto na dignificación do patrimonio da vila e a divulgación da súa cultura mariñeira ou pasado migratorio, como acontece xa coa celebración do Ares Indiano.
Onte mesmo, Ares participou do evento de presentación da Mancomunidade de Concellos da nosa comarca “Ferrolterra máxica: tradición y naturaleza para todas las personas viajeras”, onde se remarcou a riqueza dos 21 municipios que integran Ferrolterra, dende a costa atlántica até o interior rural; un destino caracterizado polo turismo slow, o patrimonio indiano –do que a localidade aresá é referencial–, a arte urbana e os espazos petfriendly.
Con todo, o Concello tamén conta cun espazo de difusión propio dentro da ‘Revista Turismo 2026’ da Deputación da Coruña, posicionando alí a oferta da vila cos seus roteiros sendeiristas, baixo o nome ‘Camiños de Ares’, a natureza litoral do municipio, os paseos a bordo do M. Presas ou a riqueza patrimonial do Mosteiro de Santa Catalina.
Como edila de Turismo, Lucía Blanco destacou “a oportunidade que supón FITUR como escaparate para dar a coñecer a nosa localidade e levar o nome de Ares máis aló das nosas fronteiras, poñendo en valor todo o que ten que ofrecer”.






