O Concello de Ares pon punto final á recuperación do lavadoiro de Fonte da Cal, en Chanteiro

Comparte esta nota de prensa

  • A infraestrutura someteu a uns traballos centrados na rehabilitación integral do conxunto formado polo lavadoiro e a fonte, dignificando este espazo que se entende, sobre todo, como un patrimonio de gran valor emocional para a veciñanza.
  • Contabilizando este último en Chanteiro, o número de lavadoiros recuperados polo Concello ascende a cinco, despois do materializado en Baixolo (Seselle), Bulleiro (Lubre), A Torre (Cervás) e Fonte da Tella (Lubre).

 

O lavadoiro de Fonte da Cal recupérase para a veciñanza da contorna de Chanteiro tras a finalización dos traballos que se estaban a executar por parte do Concello; unha actuación recentemente rematada na que se substituíron os muros de ladrillo e os piares de formigón por novos sillares de granito, ao tempo que se retirou a antiga cuberta de chapas de fibrocemento con amianto para instalar unha de tella curva cerámica, moito máis integrada no espazo no que se inscribe.

Ademais, os traballos interviron de igual maneira na fonte situada ao carón do lavadoiro, dignificando todo o conxunto estrutural e adaptándoo ao contexto rústico no que se inscribe.

Fonte da Cal convértese así no quinto lavadoiro rehabilitado polo Concello de Ares, despois dos de Baixolo (Seselle), Bulleiro (Lubre), A Torre (Cervás) e Fonte da Tella (Lubre), encadrada na estratexia municipal de recuperación destes espazos de encontro e socialización, que forman parte do patrimonio inmaterial e da memoria comunitaria da vila.

O proxecto contou cun investimento de 38.217,29 euros, dos cales 18.217,25 euros foron achegados polas arcas municipais e 20.000 euros polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia.

 

 

Pódeche interesar