Avisos

O Concello de Ares continúa impulsando o proxecto «Berce de Sereas – As Sereas das Mirandas», unha iniciativa de inclusión social e promoción do benestar físico e emocional dirixida a mulleres que padeceron cancro de mama, a través da práctica do remo adaptado e doutras actividades deportivas vinculadas ao territorio.

No marco da anualidade 2026, o Concello realizou un investimento de 15.450,92 euros na adquisición de novo equipamento para a sala de exercicios, que inclúe cintas de correr, bicicletas de ciclo indoor, unha máquina elíptica, unha máquina de escaleiras e unha prensa de pernas.

Esta actuación permitirá complementar os adestramentos de remo adaptado, favorecer a continuidade da actividade física cando as condicións meteorolóxicas impidan saír ao mar e mellorar os recursos dispoñibles para as participantes.

O investimento forma parte dun proxecto máis amplo que busca fomentar a igualdade de oportunidades, a inclusión social, a cooperación entre entidades e a posta en valor do patrimonio marítimo e natural da ría de Ares.

A actuación conta cunha axuda concedida de 10.815,64 euros, equivalente ao 70 % do investimento subvencionable aprobado para a anualidade 2026.

O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, no marco das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, coa participación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte.

Expediente da axuda: PE155A-2026-00018.

Unha actuación cofinanciada pola Unión Europea que contribúe ao desenvolvemento sostible das comunidades costeiras e ao benestar social da poboación.