- A área de Medioambiente municipal porá en marcha unha nova campaña de compostaxe doméstica ao longo do 2025-2026 para incrementar a rede de composteiros en vivendas unifamiliares de Ares, como xa fixo en 2024.
- “Tras esta campaña, lograremos ter na vila preto de 150 composteiros individuais xa instalados, contribuíndo a mellorar a autoxestión da materia orgánica nos fogares dos e das aresáns”, salientou Lucía Blanco, edila de Medioambiente.
A Concellaría de Medioambiente entregará totalmente de balde cincuenta composteiros para as vivendas unifamiliares dos veciños e veciñas de Ares. Será así como se materialice unha nova campaña de Compostaxe Doméstica que terá o foco posto en “dotar á cidadanía de máis opcións á hora de autoxestionar os seus residuos orgánicos”.
“Repartiremos composteiros cunha capacidade de 400 litros, para que se sitúe no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias metereolóxicas”, contextualizou Lucía Blanco, concelleira de Medioambiente. Tamén se aconsella instalalo baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra, pois así facilita a entrada de microorganismos descompoñedores.
Unha vez se conclúa co reparto, “a nosa rede de autoxestión de residuos orgánicos chegará aos 150 composteiros, todos eles instalados en fogares de Ares e que se suman ás illas de compostaxe comunitaria de Mariña do Pombal e GranxAres habilitadas a finais de 2024”. Unha rede que foi medrando progresivamente despois de varias campañas de reparto semellantes a esta, impulsadas polo goberno local ao longo dos últimos anos.
Así, a vila logrará incorporar como práctica habitual un proceso de compostaxe que presenta grandes vantaxes ambientais, económicas e sociais dun xeito óptico, hixiénico e eficiente.
As persoas que residan nunha vivenda aillada cunha parcela ou horta de mínimo 25 metros cadrados poderá solicitar dende hoxe mesmo, 3 de setembro, o seu composteiro empregando dúas vías: ben contactando co teléfono 981 468 102, ben cubrindo a solicitude telemática na seguinte ligazón: SOLICITUDE EN LIÑA DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL.