O Concello desprega a campaña ‘Senta con nós’, unha recollida de botellas de auga e tapóns para involucrar á comunidade educativa de Ares na sensibilización medioambiental

Comparte esta nota de prensa

A institución aresá e o CPI As Mirandas impulsan esta iniciativa que, aproveitando o plástico recollido, permitirá fabricar un banco e unha papeleira de material reciclado a instalar no propio centro escolar grazas á contribución da rapazada.

Estableceuse un punto único para a recollida no CPI As Mirandas e xa se están a repartir máis de 450 marcapáxinas a modo de flyers entre estudantado e veciñanza contextualizando a campaña.

Recicla hoxe, séntate mañá: así é o eslogan detrás da nova campaña do Concello de Ares que se desenvolverá nos próximos meses no CPI As Mirandas e que veñen de presentar esta mesma mañá Lucía Blanco, edila de Medioambiente, e Tino Seco, director do colexio aresán, nas propias instalacións educativas.

Baixo o nome Senta con nós’, a rapazada poderá entregar as botellas de auga e tapóns no punto único instalado no centro educativo para que, tras a súa recollida, poidan transformarse nun banco e papeleiras feitas co material reciclado.

“Non se trata só dunha campaña meramente municipal, senón que para nós é chave involucrar á comunidade educativa de Ares. Os nenos e nenas son un dos mellores axentes para facer que a sensibilidade medioambiental chegue até as familias, transmitindo bos hábitos de reciclaxe”, destaca Lucía Blanco, que tamén agradeceu a involucración do CPI As Mirandas á hora de facela realidade.

O propio lema da campaña municipal, co seu Recicla hoxe, séntate mañá, alude á divulgación dunhas pautas ecolóxicas básicas, pois unha acción no presente ten un impacto a medio-longo prazo no futuro en termos medioambientais, aínda que non o vexamos fisicamente no momento.

Nesta ocasión, o esforzo na reciclaxe da rapazada terá unha consecuencia na súa contorna, sentíndose parte directa e responsable da materialización dos futuros banco e papeleira, mais tamén da creación dun Ares máis sostible.

A maiores da recollida de botellas, a campaña Senta con nós inclúe material promocional, dende cartelería a máis de 450 marcapáxinas que incorporan a información da iniciativa de carácter medioambiental, repartida entre os e as estudantes do CPI As Mirandas.

 

Pódeche interesar