O Concello desvela a programación completa do VII Ares Indiano

Comparte esta nota de prensa

Actuacións musicais, obradoiros tematizados, roteiros pola vila e o mar, sesiós teatralizadas ou exhibicións artísticas son algúns dos formatos que se propoñen nesta edición para honrar o legado alén do mar.

A localidade reiterará o seu compromiso coa memoria da migración, sen esquecerse tampouco da parte de divulgación histórica dentro desta celebración referencial na comarca.

A Concellaría de Cultura dirixida por Alma Barrón vén de facer pública esta mesma mañá toda a programación do Ares Indiano 2024, activando a conta atrás para viaxar ao pasado nesta sétima edición que se producirá o  16, 17 e 18 de agosto.

O Concello despregará nesas xornadas unha oferta lúdico-festiva con multitude de formatos, sempre cun obxectivo claro que afonda nas raíces da celebración: conmemorar a todas aquelas persoas que migraron ás Américas, independentemente do seu éxito económico ou social, e que contribuíron a consolidar a identidade do que é Ares, e tamén Galicia, a día de hoxe.

Entre outras opcións, haberá tres tripoloxías de roteiros (en barco pola ría, en autobús histórico polas parroquias e a pé con Cayetano Lledó, en sesión teatralizada); multitude de obradoiros tematizados, dende pintura caribeña á creación de maracas ou de customización de elementos indianos; clases de baile con ritmos latinoscharlas e faladoiros divulgativos na Alianza Aresana… e moitas outras actividades que crean na vila un ecosistema particular, baseado na memoria e na historia local.

UNHA PROGRAMACIÓN DIVERSA NOS TRES DÍAS DE EVENTO

A programación arrancará xa o venres, 16 de agosto, á tarde coa apertura do Mercado Indiano no paseo marítimo e a exposición da Alianza Aresana que cedeu o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) recreando unha aula dunha escola da emigración.  Será logo a quenda de varios pasarrúas e do ‘Romance de Canelo’, unha representación teatral do grupo aresán A Cova do Trasno (21:30 h.).

O sábado, 17 de agosto, dinamizarase a localidade durante todo o día, con roteiros desde media mañá até á tarde e coa inauguración institucional do VII Ares Indiano (11:30 h). Tamén nesta xornada se presentará a nova edición facsimilar que realizou o Concello, ‘39 años de mi vida’ escrito por Canelo (12:15 h.), organizaranse sesións vermú ou espectáculos de maxia e mesmo haberá a oportunidade de ver a un torcedor de puros en directo. E rematarase con música grazas ó concerto de Álex Rodríguez e a súa Salsamanía na Praza da Constitución (22:30 h.)

O domingo, 18 de agosto, continuará o Ares Indiano con máis novidades, como é a acuarela indiana da pintora Blanca Escrigas, que retrará cos seus acrílicos escenas do evento ao longo de gran parte da mañá, ou a presentación literaria de ‘Enfiando a vida’, a novela de Susana Fraguela gañadora do II Concurso Alén de Narrativa Curta (12:00 h.).

De igual xeito, o municipio acollerá a fin de etapa do XXXII Rallie Teresa Herrera de Automóbiles históricos, enchéndose de vehículos de época que logo se desprazarán até Redes, e será o escenario dun dos grandes atractivos musicais desta edición: a cantautora galega SÉS, que pechará o evento indiano coas súas melodías á noite, preto das 22:30 h.

Mais esta será só unha panorámica parcial de toda a diversidade de propostas que se achegarán durante os tres días, unha planificación para que ninguén quede sen lembrar ese pasado de maletas, de buques transoceánicos e de tanto traballo para loitar, en definitiva, por un futuro mellor.

 

PROGRAMA ARES INDIANO 2024 EXTERIOR

PROGRAMA ARES INDIANO 2024 INTERIOR

Pódeche interesar