O Concello e o CPI As Mirandas entregan os premios do V Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos

Comparte esta nota de prensa

O salón de actos da Alianza Aresana acolleu este mércores a entrega de galardóns pola quinta edición do Concurso de Escritura Creativa de Microrrelatos, unha iniciativa orientada a promover a escrita entre a mocidade da vila.

Tras as deliberacións e posta en común das súas perspectivas, despois de ler os 81 textos presentados entre as dúas modalidades de Primaria e ESO, o xurado decidiu outorgar os primeiros premios a André Benito Martínez (Primaria), co microrrelato ‘A Carballeira’, unha historia cun marcado carácter medioambiental, e a Paula Hermida Pena (Secundaria) por ‘A resposta perdida’, facendo fincapé no seu estilo lírico. Ambos recibiron unha tablet/ebook acompañando ao galardón.

Xunto con eles, o xurado tamén designou aos finalistas de cada categoría, recibindo neste caso un lote de libros como premio do certame literario. ‘Os nenos muiñeira’, de Luca Endres Calvo (Primaria), e ‘Aquel paxaro que non voa ben’, de Adrián Vidal Díaz (Secundaria) obtiveron así o recoñecemento nesta quinta edición.

No acto de presentación, Alma Barrón, concelleira de Cultura, trasladou os seus parabéns ós rapaces e rapazas e tamén resaltou a relevancia de incentivar a expresión artística a través da escritura na comunidade educativa de Ares, o principal obxectivo deste certame que conecta fondamente á administración local co CPI As Mirandas.

O xurado deste ano estivo composto por Yolanda Castro, Rocío Pena e Marina González, en representación do colexio aresán, e o xornalista e escritor Pablo J. Rañales, tomando como criterios de selección dos textos a orixinalidade das temáticas, a claridade expresiva, os trazos estilísticos na escrita ou a solidez da estrutura,

Parabéns, e a continuar escribindo!

Pódeche interesar