A Concellaría de Cultura e o colexio municipal de Ares convocan un ano máis o VI Concurso de Microrrelatos Escolares, un certame que ten como obxectivo fomentar a creatividade literaria e a escritura entre a mocidade da vila, e conmemorar tamén o Día do Libro 2026.
Haberá dúas categorías, a primeira para estudantes de primaria ((4º, 5º e 6º) e outra para estudantes de ESO. Cada categoría terá un gañador e un finalista, e entregaranse unha tablet ou ebook no caso do primeiro e un lote de libros no caso do segundo.
A mocidade empadroada en Ares, así como alumnado en si do CPI As Mirandas, poderán participar no certame literario enviando 1 microrrelato cunha extensión limitada a máximo 200 palabras.
Todos os textos deberán contar cun título e empregar unha das cinco frases que se especifican nas bases do concurso, amais de utilizar a lingua galega na súa escrita.
O prazo para enviar os microrrelatos ábrese hoxe, 1 de abril, até o 23 deste mes ás 19:30 horas. Habilitáronse dous correos electrónicos de cara a remitir os textos, tesmoitalingua@gmail.com e cultura@concellodeares.com, amais de facilitar a entrega en persoa ben na Biblioteca Municipal de Ares, ben no CPI As Mirandas. Xunto co microrrelato haberá que especificar o nome e apelidos do autor/a, a súa idade, curso no que se atopa, teléfono de contacto e e-mail.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de microrrelatos, un xurado composto por profesorado do colexio e unha persoa proposta pola Concellaría de Cultura avaliará as composicións e, unha vez elixidos os gañadores/as, levará a cabo unha cerimonia de entrega de premios o 29 de abril ás 18:30 h. no salón de actos da Alianza Aresana.


