O Concello impulsa dúas actuacións para minimizar perdas de auga potable e reducir infiltracións na rede de saneamento do núcleo urbano

Comparte esta nota de prensa

  • As dúas obras inclúen novos sistemas de lectura telemétrica, de tal xeito que se garante unha xestión municipal da auga moito máis eficiente, con datos de medición que incrementan a precisión e a calidade do seguimento dos consumos.
  • As intervencións xa comezaron esta semana, executándose en paralelo cun investimento total de 117.733,45 euros, IVE incluído, asumido entre Augas de Galicia e as arcas municipais.

 

A Concellaría de Urbanismo vén de informar do inicio, esta mesma semana, das dúas últimas actuacións que se deseñaron para mellorar a xestión municipal da rede de saneamento e abastecemento no núcleo urbano de Ares.

Trátanse de dúas iniciativas orientadas principalmente a, por unha banda, reducir as posibles perdas de auga potable racionalizando os consumos e datos do subministro e, pola outra, actuar sobre as infiltracións na infraestrutura de saneamento municipal.

No que atinxe ás perdas de auga potable, a mellora traducirase na renovación de 82 contadores en vivendas domésticas, cambiándoas por orde de antigüidade para instalar un equipo de medición de caudal cun sistema telemétrico máis eficaz.

A maiores, tamén se materializará unha sectorización da rede municipal na Avenida Federico García Expósito, no cruce co Camiño a Pedrós, de tal xeito que se incorporarán novos contadores xerais que, igualmente conectados a un equipo de telemetría, contribuirán a obter datos en tempo real sobre o consumo da veciñanza.

Esta primeira actuación conta cun orzamento de 66.577, 89 euros45.000 euros de Augas de Galicia e 21.577,89 euros das arcas municipais— e ponse en relación coa infraestrutura desenvolta polo Concello ao longo dos últimos anos centrada na telexestión da rede de auga potable, á que precisamente aludiu a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos: “supón seguir cun traballo de renovación de contadores domiciliarios sostido no tempo. De feito, dende 2024, xa son máis de 1.500 contadores renovados no municipio, co foco posto en facer máis preciso todo o proceso de lectura de consumos”, salientou Marcos.

E nesa mesma liña tamén contribúe suma a sectorialización de Ares, “fundamental para identificar zonas con posibles fugas de auga en tempo real”.

SEPARATIVA DE PLUVIAIS E FECAIS

A segunda intervención estase a realizar na rúa Cirilio Pérez, na contorna das denominadas como Casas baratas, e céntrase en subsanar as infiltracións de augas brancas nas canalizacións que xa existen de fecais, garantindo así unha xestión máis eficiente.

Deste xeito, o groso da obra céntrase na renovación da infraestrutura de saneamento, ao mesmo tempo que se xenera unha separación da rede de augas pluviais e fecais. Permitirá, segundo a edila de Urbanismo, “non perder recursos depurando unha auga de choiva que xa é de por si limpa, e que sen rede separativa remataría no tarque de tormentas do parque Rosalía de Castro”.

O peche desta actuación será a instalación doutros dous puntos de control telemétrico para rexistrar a calidade das augas nesta zona. En total, mobilizaranse 51.155,56 euros entre Concello (6.155,56 euros) e Augas de Galicia (45.000 euros), impostos incluídos.

 

Pódeche interesar