O Concello impulsará a rehabilitación do Mercado de Abastos Municipal de Ares mobilizando un investimento de case 200.000 euros

Comparte esta nota de prensa

  • A edificación encara os seus 100 anos de historia cunha obra que intervirá na cuberta, substituíndoa por unha nova con acabado de zinc; a zona dos aseos ou as instalacións de electricicidade, fontanería e telecomunicacións. Igualmente, modernizaranse os acabados do interior con revestimentos nobles e incorporaranse máis equipamentos.
  • O investimento será asumido entre os fondos da administración local e unha liña de subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
  • Continuarase así na senda da dignificación dun inmoble cun século de historia, moi vinculado co racionalismo arquitectónico galego do século pasado, e que é un punto chave para a compra de proximidade e o encontro entre a veciñanza.

 

Coincidindo coa celebración dos 100 anos de historia do Mercado Municipal de Ares ao longo deste 2026, o Concello investirá preto de 200.000 euros para a súa rehabilitación, tras recibir unha liña de subvención por parte da Xunta de Galicia que sufragará 172.320,84 euros, achegando dende as arcas municipais os 44.255,21 euros restantes.

Con esta boa nova que vén de notificarse nos últimos días, o goberno local continuará na posta en valor e dignificación do mercado como infraestrutura municipal; un lugar que segue a cumplir unha función fundamental na vila como lugar de encontro entre a veciñanza, de dinamización social e de compra de proximidade.

Este novo investimento traducirase na execución do proxecto de dinamización e revitalización competitiva desta edificación vinculada ao racionalismo arquitectónico galego do século XX, ideada polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez.

Adaptarase o mercado ás necesidades actuais e mellorarase a súa calidade arquitectónica, eficiencia enerxética e equipamentos, ademais de impulsar a súa competitividade e desenvolvemento comercial. E farase en dúas bianualidades: durante o 2026, executarase a diagnose e situación de usos da infraestrutura, un documento estratéxico chave para a posta en marcha das futuras actuacións, e no 2027 impulsaranse as obras en si mesmo.

 

Ademais, dende o Concello púxose en relación a rehabilitación coa “planificación do goberno local para abrir ao mar a contorna do mercado, xerando xusto diante unha praza pública que o conecte co paseo marítimo para desfrute de toda a veciñanza: para que se reúna, para acoller actos culturais, teatros, concertos…”.

CAMBIO DE CUBERTA, RENOVACIÓN DE ASEOS, REPINTADO E NOVOS REVESTIMENTOS

Entre as principais actuacións, o proxecto inclúe o cambio da cuberta, incorporando unha nova con sándwich de madeira e aillamento térmico con acabado de zinc para deixar atrás o fibrocemento con amianto e a cobertura de tella cerámica actuais, o que redundará nunha mellora da eficiencia enerxética.

Tamén se acometerá a renovación das instalacións eléctricas e de telecomunicacións, na actualidade obsoletas, e da fontanería, amais do repintado interior do edificio nas zonas xerais e postos de vendas.

Dotarase de equipamento básico con novo mobiliario para que permita o desenvolvemento de calquera actividade no mercado, e incorporarase un revestimento noble na fronte dos postos dos praceiros e praceiras personalizable, unificando e modernizando a imaxe xeral do espazo.

Igualmente, o proxecto contará con melloras no eido da accesibilidade principalmente no que atinxe aos aseos, creándose uns novos con vestíbulo de independencia cara a sala xeral.

Serán todas elas intervencións que respeten o valor histórico do mercado ao tempo que o dotan de solucións técnicas do século XXI, mais sempre partindo da máxima de que non é só un centro loxístico, senón un exponente singular da arquitectura racionalista da posguerra no litoral galego: o seu propio deseño fusiona a funcionalidade industrial coa estética naval.

Un edificio que sintetiza, a todas luces, un modelo de patrimonio vivo, ancorado ás raíces do municipio, e que xa tivo en lexislaturas previas outras intervencións orientadas á súa dignificación: a “renovación das carpintarías e repintado que xa se materializou en 2025, os traballos de reacondicionamento da zona dedicada á pescadería e os vestiarios en 2021 ou a adaptación do espazo para acoller un local de hostalería, dividindo os usos do mercado, en 2014”, apuntan dende o goberno local que lidera Julio Ignacio Iglesias Redondo.

Coa mirada posta no futuro, o Concello destaca os “esforzos que se están a realizar para que o mercado poida ter no futuro o selo de calidade, e que tamén poidamos licitar e cubrir a totalidade dos postos dos praceiros, promovendo así máis traballo na vila”.

 

Pódeche interesar