Esta renovación integral do conxunto arquitectónico, deseñado polo arquitecto Rodolfo Ucha en 1955, foi un proceso destinado a preservar o seu valor histórico e mellorar o seu estado de conservación.
A primeira fase de renovación completouse no primeiro edificio, cun investimento de 134.000 euros. Durante esta fase, abordáronse aspectos cruciais, como teitos, tabiquería interior, pavimentos, instalacións eléctricas, baños e pintura, entre outros.
Posteriormente, levouse a cabo a rehabilitación do peche perimetral das Escolas, cun orzamento de 28.669,02 euros, destinado á mellora da accesibilidade, eliminando as barreiras arquitectónicas existentes.
As obras no segundo edificio, cun investimento de 273.073,06 euros, inclúen melloras similares ás da primeira edificación, co obxectivo de completar a rehabilitación integral desta importante infraestrutura histórica.
Ademais, o investimento no patio, valorado en 51.000 euros, supón a pavimentación do chan con lousas de pedra tanto no recinto exterior como no caleixón lateral, mellorando significativamente a súa estética e accesibilidade.
A continuación, achéganse algunhas fotografías que ilustran os avances nas obras das últimas semanas.