O Concello inicia as obras de arranxo do camiño municipal de O Castro

Comparte esta nota de prensa

A intervención renovará o pavimento cun novo aglomerado para rematar coas irregularidades da superficie, ademais de ampliar o ancho do vial e reacondicionar as bocas dos pozos de saneamento.

O proxecto, que inclúe tamén as actuacións futuras nos camiños de A Pena e Louseira, supoñen un investimento total de 113.821,08 euros asumidos entre POS+2024 e o Concello.

A Concellaría de Urbanismo vén de informar do arranque dos traballos no camiño de O Castro, unha intervención inscrita no proxecto de arranxo de viais de titularidade municipal que inclúen tamén os de A Pena e Louseira, na parroquia de Cervás.

Así, esta mesma semana principiaron as obras que permitirán rematar co mal estado da superficie, cun acusado desgaste que devén en irregularidades, baches e atascos nas cunetas.

Os traballos en O Castro limparán as marxes da vía para efectuar despois un aglomerado asfáltico de triple rego que mellore a pavimentación do camiño, e tamén se contempla o reacondicionamento das bocas dos pozos de saneamento. A maiores, ampliarase o ancho da vía para mellorar o tráfico e aumentar a seguridade vial favorecendo o cruce de vehículos.

Esta obra, sumándolle as que se acometerán no futuro nos camiños municipais de A Pena e Louseira coa mesma tipoloxía de actuacións e obxectivos, supón un investimento total de 113.821,08 euros sufragados entre a Deputación da Coruña no seu POS+2024 e as arcas do Concello de Ares.

Segundo a información que se achega dende a área de Urbanismo, toda vez que finalicen esta intervención, continuarán os traballos xa nos dous viais de Cervás.

 

Pódeche interesar