- ‘Xestión emocional: mellora o teu día a día coñecendo as túas emocións’ é o título desta sesión dirixida por José Barcia Tuccelli, psicólogo e licenciado en Ciencias da Actividade Física e Deportes.
- Será o vindeiro 21 de novembro ás 19:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana.
As Concellarías de Deportes e Igualdade promoven esta mesma semana a primeira das sesións da Academia AresXSaúde, o programa educativo para que a veciñanza incorpore hábitos saudables na súa cotiandade.
A Alianza Aresana acollerá esta primeira charla o 21 de novembro ás 19:00 horas, unha ponencia impartida polo psicólogo e licenciado en Ciencias do Deporte e da Actividade Física, con formación especializada en intelixencia emocional e mindfulness, José Barcia Tucceli.
Baixo o nome de ‘Xestión emocional: mellora o teu día a día coñecendo as túas emocións’, José Barcia Tuccelli axudará á veciñanza a entender que son as emocións, para que serve cada unha delas e os mecanismos prácticos para a súa regulación. Afondará no mindfulness como ferramenta de utilidade no día a día e como o estilo de vida de cada un é, tamén, unha decisión de benestar.
A sesión educativa destínase ao público en xeral, con especial énfase naquelas persoas que sofren dificultades derivadas do estrés ou problemáticas relacionadas coas emocións. A charla é totalmente de balde e non precisa de ningunha reserva previa.

