O Concello organiza unha nova edición de Academia AresXSalud, o programa educativo para fomentar hábitos saudables nos veciños e veciñas

Comparte esta nota de prensa

Despois do éxito colleitado o ano pasado, esta iniciativa de carácter divulgativo regresa con 8 sesións orientadas a achegar coñecemento que mellore a calidade de vida da veciñanza, con propostas de balde e que interconectan directamente o deporte co benestar das persoas.

O proxecto contribúe a reforzar a visión de Ares como concello saudable, facendo que visiten a vila profesionais de diferentes eidos, dende psicólogos a licenciados en ciencias da actividade física, para resolver as dúbidas dos e das aresáns.

A Concellaría de Benestar e a Concellaría de Deportes veñen de presentar hoxe as sesións que integran a oferta da Academia AresXSaúde, un programa de carácter educativo que desexa mellorar os hábitos da veciñanza  e que contará con múltiples charlas e obradoiros.

AresXSaúde actuará como un espazo municipal con diferentes actividades centradas na divulgación, da man de profesionais da saúde e do deporte que entrarán en contacto coa veciñanza ao longo das 8 sesións que se deseñaron, facendo así que o coñecemento para incentivar un aumento do benestar no día a día dos e das aresáns chegue a través do diálogo e a cercanía.

Entre os obxectivos da Academia, as Concellarías involucradas resaltan “que é parte da construción dun Ares con máis benestar, onde a promoción da saúde na cotiandade sexa un dos eixos de traballo. Buscamos fomentar unha mellora das actitudes, coñecementos e hábitos de vida saudables, e tamén eliminar comportamentos de risco ou previr o desenvolvemento de enfermidades crónicas”.

Dentro do programa constan seis charlas impartidas por diferentes profesionais da saúde e dous obradoiros dirixidos pola Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS). Haberá por norma xeral unha sesión por mes dende novembro a maio, abranguendo diferentes públicos e colectivos na vila, e promoveranse charlas orientadas ao uso responsable e seguro da tecnoloxía nos adolescentes, outras centradas na saúde mental ou do solo pélvico, ponencias arredor da menopausia, as drogas, o estilo de vida das persoas afectadas por cancro e tamén sobre hábitos alimenticios.

Coma novidade, REGAPS incorporará unha sesión de actividade física mediante a app de realidade virtual do SERGAS, neste caso promovendo un obradoiro no pavillón polideportivo municipal en xornadas matinais do 20 ao 24 de xaneiro, e outra de nutrición familiar, en maio, para xogar e aprender en familia.

Victoria Montenegro, concelleira de Benestar, fixo fincapé no “enfoque integral e transversal que aplicamos en Academia AresXSaúde, ao interconectar directamente o noso benestar persoal coa presenza de bos hábitos no deporte, na comida… en todo o noso día a día. Procuramos chamar a atención de diferentes grupos de idade e demográficos para construír, todos xuntos, un municipio máis saudable”.

 

PRIMEIRA CHARLA O 8 DE NOVEMBRO

A primeira das sesións que se programarán recalará no salón de actos da Alianza Aresana o vindeiro 8 de novembro ás 19:00 horas.

Baixo o nome “Como promover un uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía na infancia e adolescencia”, o psicólogo e Doutor en Psicoloxía Social Antonio Rial Boubeta fará unha panorámica dos problemas asociados a un emprego temperá das tecnoloxías, amais do impacto que teñen redes sociais como Instagram ou figuras como youtubers e influencers nos adolescentes.

Nos seus contidos tamén incorporará as posibilidades da supervisión das redes sociais nas crianzas, reflexionará sobre a tiranía do selfie e dará pautas para facer un uso máis saudable das pantallas.

Esta primeira charla divulgativa destínase a nais, pais, adolescentes e toda persoa que traballe con crianzas e adolescentes nos seus eidos profesionais (profesores, adestradores…). Non é necesario reserva previa e é totalmente de balde.

 

Pódeche interesar