O Concello presenta a nova edición do Ares Indiano

Comparte esta nota de prensa

A concelleira de Cultura, Alma Barrón, ven de dar a coñecer a programación do Ares Indiano 2023, a festa que afonda no vencello da localidade coa pegada migrante e que traballa na conservación da memoria local, xa consolidada coma referente sociocultural na comarca.

O evento contará con tres días de programación –do venres, 18, ao domingo, 20 de agosto–, apostando por novas actividades, como os obradoiros temáticos que se realizarán na semana previa ou a iniciativa musical de “Habaneiras na rúa”; e manterá a máxima de descentralización de actividades tanto polo núcleo urbano de Ares coma nas contornas de Cervás e Redes.

UN ARES INDIANO CUNHA PROGRAMACIÓN COMPLETA

A organización da festividade implicará manter actividades que xa funcionaban ben previamente, como son as rutas en bus ou as viaxes en barco, mais ampliándoas. “Este ano manteremos os roteiros teatralizados a pé, con Cayetano Lledó, que resultaron un éxito na pasada edición e tamén o espazo do paseo marítimo para aluguer de traxes de época, xa que este servizo tivo unha acollida extraordinaria”, informou Barrón, que comentou algunha novidade do próximo Ares Indiano: “haberá distintos obradoiros na semana previa á celebración, destinados tanto a público infantil como adultos, para que a xente poida ir participando no ambiente que se vivirá durante a fin de semana ”.

Dentro das programacións, contémplase un Seminario de Cultura Ultramarina, coa intervención de Pilar Cagiao, profesora titular de Historia de América da USC, que impartirá o relatorio “Galicia e Cuba, unha relación de raíz profunda”; ademais da presentación da novela “A madriña”, da escritora Nones Araújo, gañadora do I Concurso de Novela Curta Alén, impulsado polo Concello de Ares, co foco posto en poñer en valor o proceso migratorio que se produciu alén do mar. Nesta mesma liña, de recuperación da memoria da migración, levarase a cabo a presentación e posterior coloquio da novela “Azucre”, coa intervención da propia autora, Bibiana Candia.

Ademais da parte divulgativa, dentro do conxunto de actividades tamén haberá un espazo destacado para as actuacións musicais e exhibicións de baile, contando sempre coa colaboración de entidades e agrupacións musicais aresáns. Neste apartado destaca a actuación da banda de gran proxección no panorama musical galego “Gallaecia Big Band All Stars”, co concerto ao son de ritmos latinos que ofrecerá o sábado 19 na Praza da Igrexa. Tamén no tocante á vertente musical, este ano implantarase unha iniciativa novidosa baixo o nome de “Habaneiras na rúa”, o domingo 20 pola tarde, con tres grupos que amenizarán a festividade por varias localizacións da vila.

Con todo, o conxunto de actividades irá moito máis aló, por iso invitámoste a que botes unha ollada ao programa que te presentamos a continuación.

Non perdas detalle de todas as iniciativas das que poderás gozar no noso esperado Ares Indiano!

 

 

Pódeche interesar

Papá Noel en Ares
Notas de prensa

Papá Noel visita Ares

Esta semana véronse polas rúas de Ares a uns cantos visitantes moi singulares: Papá Noel chegou dende o círculo polar ártico cos seus axudantes e,