- As inscricións abrirán o 8 de setembro para empadroados/as e o 20 de setembro para non empadroados/as e estarán dispoñibles ata completar os grupos de cada escola.
As áreas de Cultura e Deportes veñen de publicar hoxe mesmo a oferta que se organizará para o 2025-2026 dentro das Escolas Municipais, un programa que vén a complementar a grella de actividades publicadas en agosto, todas elas centradas na dinamización da vila durante o outono e até o verán.
Doce serán as escolas deportivas e culturais que se impulsarán dende o Concello con actividades variadas, mantendo o mesmo número que no anterior ano. Dende o deporte haberá sesións de tenis e tenis de mesa, minibaloncesto, patinaxe, xadrez, voleibol e vela lixeira, namentres que os interesados/as no eido cultural poderán aprender nocións de debuxo e pintura infantil, gaita e percusión co grupo de Gaitas Aresán e coa Banda de Gaitas Ría de Ares ou mellorar o seu baile coa escola de danza moderna infantil de Comp-Arte.
Con todo, existen outras escolas de interese que non están promovidas de forma directa pola institución aresá, mais achegan diversidade para a veciñanza: kaiak e paddlesurf no Club Marítimo de Redes, fútbol no Numancia de Ares, remo no Club de Remo de Ares, BTT da man dos Pulpeiros, atletismo con Paula Mayobre, música coa AC. Xábrega, jiu-jitsu e kickboxing en Loita Ares Top Gym… e todas elas teñen os seus propios procesos de inscricións e xestión de grupos.
INSCRICIÓNS ABERTAS A PARTIR DO 8 DE SETEMBRO
Coa publicación desta oferta, o Concello tamén debulla o proceso administrativo para inscribirse nas escolas municipais. Haberá dúas quendas de inscrición, realizándose a reserva de praza de xeito integramente telemático a través do apartado de Escolas Deportivas e Culturais Municipais 2025-2026 habilitado na web institucional www.concellodeares.gal:
- Do 8 de setembro ás 14:00 horas en adiante ata o 18 de setembro para EMPADROADOS/AS.
- Do 20 de setembro ás 14:00 horas en adiante ata completar grupos para NON-EMPADROADOS/AS.
Do 1 ao 15 de outubro, ambos inclusive, farase o pagamento da matrícula, que tamén terá dous importes en función da condición da persoa interesada, 10,13 € (empadroados) e 18,99 € (non empadroados).
En caso de existir calquera dúbida, pódese contactar vía correo electrónico con deportes@concellodeares.com ou cultura@concellodeares.com.