As inscricións abrirán o 14 de setembro para persoas empadroadas e o 22 de setembro para non empadroadas, permanecendo abertas ata completar os grupos de cada escola.
As áreas de Cultura e Deportes veñen de publicar a oferta que se organizará para o curso 2026-2027 dentro das Escolas Municipais, un programa que ano tras ano achega á veciñanza diferentes propostas deportivas e culturais para desenvolver ao longo do curso.
Doce serán as escolas deportivas e culturais que se impulsarán dende o Concello, mantendo así o número de propostas do pasado ano. Dende o ámbito deportivo haberá sesións de tenis e tenis de mesa, minibasquet, patinaxe, xadrez, voleibol e vela lixeira, mentres que no eido cultural os interesados e interesadas poderán participar en debuxo e pintura infantil, gaita e percusión co Grupo de Gaitas Aresán e coa Banda de Gaitas Ría de Ares, así como na Escola de Danza Moderna Infantil Comp-Arte.
Con todo, existen outras escolas de interese que non están promovidas directamente pola institución aresá, mais que achegan diversidade á oferta deportiva e cultural da vila. Entre elas atópanse kaiak e pádel surf no Club Marítimo de Redes, fútbol no Numancia de Ares, remo no Club de Remo de Ares, BTT da man dos Pulpeiros, atletismo coa Escola Paula Mayobre, música coa AC Xábrega, jiu-jitsu e kickboxing no Loita Artabro Team ou fútbol sala co Club Ares Futsal, entre outras propostas. Todas elas contan cos seus propios procesos de inscrición e xestión de grupos.
INSCRICIÓNS ABERTAS A PARTIR DO 14 DE SETEMBRO
Coa publicación desta oferta, o Concello tamén informa do proceso administrativo para inscribirse nas escolas municipais. As solicitudes deberán realizarse integramente por vía telemática, a través do apartado de Escolas Deportivas e Culturais Municipais 2026-2027 habilitado na web institucional www.concellodeares.gal.
- Do 14 ao 21 de setembro, para EMPADROADOS/AS.
- A partir do 22 de setembro, para NON EMPADROADOS/AS, ata completar os grupos.
Cada persoa poderá solicitar un máximo de tres actividades. Así mesmo, tres faltas sen xustificar conlevarán a perda da praza na actividade.
A dispoñibilidade de praza e o comezo das escolas serán comunicados ás persoas interesadas por correo electrónico e mediante a publicación das listaxes no taboleiro informativo do pavillón municipal, previo anuncio a través da web municipal e das redes sociais do Concello.
Do 1 ao 15 de outubro, ambos os dous días incluídos, realizarase o pagamento da matrícula e da mensualidade correspondente ás escolas. A matrícula terá un importe de 10,13 € para persoas empadroadas e 18,99 € para non empadroadas.
O Concello mantén tamén diferentes descontos para familias, incluíndo reducións para unidades familiares con tres ou máis persoas inscritas e para familias numerosas, así como a posibilidade de acceder á gratuidade para familias carentes de recursos económicos, previa solicitude e valoración dos Servizos Sociais municipais.
Para consultar a oferta completa, cos horarios, idades, localizacións, prezos e demais condicións de cada escola, pódese acceder ao apartado específico das Escolas Deportivas e Culturais Municipais 2026-2027 na web do Concello.
En caso de existir calquera dúbida, pódese contactar vía correo electrónico con deportes@concellodeares.com ou cultura@concellodeares.com, así como no teléfono do Concello, 981 46 81 02.



